Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

20/10/2008 GMT 9

CAL É O PREZO DOS PRINCIPIOS?

augasceives @ 10:17

Alberte Outeiro escribe sobre a reorientación do voto do BNG que ha facer posíbel que o Gobierno de España aprobe os Orzamentos Xerais do Estado do ano que vén.

Entre as continuas novas de carácter económico que levan sendo protagonistas dos medios de difusión nos últimos meses, cólanse estes días outras con pequenas variacións pois non teñen exactamente o mesmo sentido. Referímonos ás presentacións, negociacións e aprobacións dos Orzamentos, tanto dos do Estado Español coma os da Xunta de Galiza. Entre o máis destacado, unha vez analizados os pormenores do gasto e do destino que van ter os nosos cartos, está a intervención do grupo parlamentar do BNG no Congreso de los Diputados de Madrid en favor do PSOE e que vai permitir a aprobación dos OXE.

Precisaba o Goberno Español de varios votos para sacar adiante a devandita aceptación da cámara e, logo de varias negociacións, ficaron na mesa as opcións dos votos do PNV e do BNG.

Cómpre dicir que nun primeiro momento, Anxo Quintana (Vicepresidente da Xunta e máximo mandatario do Bloque Nacionalista Galego) afirmara que non habían votar os presupostos que presentara o Ministro de Economía, enténdense pois, que non estaban de acordo cos mesmos ou que discrepaban en maior ou menor medida con eles. Xa que tal, a formación galega presentaría unha “emenda á totalidade” coa pretensión de rexeitar por completo as primeiras intencións do partido co que goberna en Galiza.

Finalmente, logo de supostas reunións, negociacións e tirapuxas, acadaron un acordo polo que o Goberno poderá finalmente aprobar os OXE grazas aos votos de Francisco Jorquera e Olaia Davila, a representación do BNG no Congreso. A contrapartida que o BNG recibe é, principalmente, un tirón mediático notábel que lle permite afirmar que o seu poder de influencia na política estatal vai en aumento. Mesmo o chistoso líder “nacionalista” puido engadir unha ocorrencia máis ao seu longo historial: “moitos galegos e galegas han ir hoxe orgullosos para a cama” (en referencia, enténdese, á satisfacción que segundo el lles reportaría o feito de que o BNG vai votar en favor dos Orzamentos).

Seguramente a parte propagandística é a que realmente máis ledicia espallou entre as cabezas dirixentes, que non necesariamente pensantes, do BNG. Pero permitíronse “vender” outro tipo de contrapartidas que foron quen de conseguir para Galiza. Un investimento  de 125 millóns de euros “a maiores” do que nun primeiro momento estaba previsto ou a creación dun subcomisión de seguimento das infraestruturas estatais en Galiza foron as dúas estrelas da presentación de logros acadados. Esta última, evidentemente, ten carácter político e non garda unha relación que a priori poida ser evidente co que son estritamente os presupostos estatais para o vindeiro ano.

Partiremos de que unha formación política concorda ou se opón a algo baseándose na súa ideoloxía política, é dicir, segundo as súas teses confeccionarían uns investimentos estatais que incidiran máis ou menos en aspectos que sosteñen o seu carácter político. Por exemplo, se un partido “de esquerdas” se opón a unhas contas públicas dedúcese que será porque entende que o gasto podería destinarse a aspectos de carácter máis social. Esta sería aproximadamente a teoría política, pois non é arriscado crer que cada unha das forzas políticas debería ter as súas prioridades en función da ideoloxía que as distingue.

Mais evidentemente isto non é así. E non o é, primeiro, porque a ideoloxía política é algo do que semellan carecer as agrupacións que nos representan. Segundo, porque os seus programas económicos non presentan diferenzas palpábeis e a alternativa ao sistema non está presente na alta política actual. Terceiro, porque os seus intereses varían en función de diversos factores pero mantendo sempre como horizonte os resultados electorais. E cuarto, porque este tipo de negociacións achéganse moito unha puxa de lonxa ou aos regateos nas feiras de gando. O resultado é que os investimentos van parar non a onde máis se necesitan ou alí a onde serían necesarios, senón a onde ditaron os intereses electorais resultantes das negociacións para aprobalos.

O certo é que moitos eloxian a actuación do BNG por rabuñarlle para Galiza máis cartos dos previstos e outros critícano por terse vendido a cambio do que consideran esmolas. O certo é que o Bloque presentou a operación como un grandísimo éxito do que todos e todas imos tirar proveito, pero o certo tamén é que renunciou a unha das súas principais reivindicacións é que nun primeiro momento entraron na partida: o traspaso definitivo dalgunhas competencias moi interesantes e necesarias que verdadeiramente si veriamos como un gran paso adiante niso do que tanto gusta falar Quin, o autogoberno.

Preguntámonos, xa que logo, canto custan os principios e as conviccións dun partido. Gustaríanos saber que partes das partidas orzamentarias mudou o Ministro de Economía para facer cambiar de opinión aos dirixentes “nacionalistas”. Sería a desorbitada asignación á Monarquía Española? Ou sería o inxente gasto militar que todos e todas imos pagar o vindeiro ano? Talvez sexa a redución do financiamento das touradas ás que o Bloque se opón enerxicamente? A tan repetida aspiración de que o BNG sexa “decisivo en Madrid” está detrás de toda a estratexia, uns planeamentos absolutamente electoralistas que tan só buscan a máxima rendibilidade mediática, as fotos e os encabezamentos dos xornais madrileños. Ansía Quintana e  os seus que se fale deles na que seguen considerando “a Capital”. Complexo? Autoodio? Non sabemos, mais entendemos que reencarnan moi ben algúns dos estereotipos negativos históricos deste pobo que tanta dificultade estamos tendo en superar.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis