O EEES É UNHA ARGALLADA MÁIS DO CAPITALISMO ANTISOCIAL EUROPEO
Hai unhas semanas a televisión pública ofrecíanos “informábanos” da implantación do EEES nalgunhas titulacións nas universidades galegas. As definicións eran todas positivas, menos atrancos, máis posibilidades e unha marabilla máis do sistema europeo. Unha información absolutamente parcial e tendenciosa, incluíndo intervencións dalgún estudante entusiasmado falando en favor do coñecido como Plan Bologna. Para nada se falou da oposición maioritaria do estudantado e das organizacións estudantís que dende hai meses veñen criticando rotundamente esta nova argallada. Hoxe foi día de mobilizacións nas cidades galegas.
A principal, por ser tamén a principal cidade universitaria do País, foi a de Compostela, que xuntou nas rúas a preto de cinco mil estudantes. Mais no resto de cidades nas que hai campus das tres universidades rexistráronse mobilizacións con varios centos de alumnos e alumnas en todas. Noutra vilas de menor poboación tamén a folga tivo gran seguimento entre mozos e mozas de secundaria e bacharelato.Esas mobilizacións representan a postura do estudantado galego, dos verdadeiros afectados que non son protagonistas do marabilloso mundo da TVG. As portas á privatización do ensino público, coa posibilidade que se establece da entrada de entidades e empresas privades nas universidades. Camíñase cara a redución do ensino ás clases máis altas e economicamente potentes, camíñase cara o estancamento no acceso dos fillos e fillas da clase obreira á educación superior. A introdución de posgraos de elevados custes deixará no camiño a moitos e acollerá só a quen poida pagalo; quen non poida, non poderá completar uns estudos equivalentes á Diplomatura ou Licenciatura que hai hoxe. Entre as consecuencias negativas, non é desbotábel a supresión mesmo dalgunhas carreiras.
Como se demostrou hoxe (unha vez máis), o estudantado galego responde e non fica quedo diante das agresións que ameazan non só o seu futuro, senón o de todo un País, que corre o risco de ver limitada a súa poboación formada para do futuro.


Chúzao
del.icio.us