Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

# Augas Ceives

pola nosa lingua_en pé

24/10/2008 GMT -4

UNHA DESAS PEQUENAS AGRESIÓNS DIARIAS QUE ALIMENTAN O NOSO DESPREZO

augasceives @ 17:14

Lemos nun xornal dixital galego unha nova que non vén máis ca a confirmar moitas certezas que temos e que para moitos se fundamentan en motivos pouco sólidos. Imos, día a día, presentando probas de que estamos baixo o xugo dun Estado que nin nos recoñece como pobo nin nos respecta. O protagonista é un dos nosos deportistas máis internacionais e sen dúbida máis prezados, Xabier Gómez Noia. O triatleta ferrolán ten detrás unha interesante historia á que xa fixemos referencia noutrora en AugasCeives. A ese compendio de desprezos, engadimos hoxe outras máis: o non permitirlle, baixo ameaza de sanción, celebrar a vitoria no Campionato do Mundo coa súa bandeira, coa bandeira do seu país, coa nosa bandeira.

 

O feito máis grave lévanos dous anos atrás no tempo, ao cinco de novembro de 2006, cando Xabi Gómez Noia gañaba a proba de Cancún e se proclamaba vencedor da Copa do Mundo de Triatlón. A ITU (Unión Internacional de Triatlón), que é o máximo organismo deste deporte a nivel mundial, sabía da posibilidade de que o galego se fixera co título e prohibiulle entrar na meta coa bandeira galega, que para eles non é oficial. Este feito quedaría a medio explicar e sería dificilmente entendíbel se non completamos cun detalle fundamental: o presidente do Comité Técnico desta entidade é Enrique Quesada, madrileño de nacemento e español de sentimento. A maiores, intolerante e con tics ultraespañolistas.

Segundo as fontes que cita o xornal do que tiramos a nova, son coñecidas as fobias deste individuo cara ás bandeiras do Estado que non sexan a franquista que é oficial no Reino de España. Moi especialmente a galega, a ikurriña e a senyera. Curioso.

A Federación Galega de Triatlón, sempre moi a carón de Gómez Noia nos momentos máis complicados, rexeitou este comportamento totalitario do español e teimou en defender a liberadade do deportista de poder celebrar a súa vitoria coa súa bandeira nacional, e non coa do Estado e a da Federación que só o queren polo interese dos seus títulos. O irracional comportamento do xuíz técnico madrileño chegou a incluír a ameaza de retirarlle o premio económico ao campión galego.

Pero Xabier Gómez Noia, por enriba de ser o mellor deportista do Planeta na súa especialidade, é un galego orgulloso de selo. Non padece esa caste de complexo do que si dan mostra outros deportistas veciños nosos e celebra as súas moitas vitorias amosándolle ao mundo cales son as cores do seu país e de que recanto do Mundo provén: Galiza.

Comentarios non permitidos para este Post

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis