ANÁLISE DUNHAS PERSPECTIVAS DESACELERADAS
A “crise” segue a deixar un regueiro de datos negativos que dan tamén para alimentar os faladoiros dos programas de radio e televisión e as columnas de opinión dos xornais comerciais. Pero é agora cando comezamos a notar algo máis ca os fríos datos, porque canto máis se achega o final de ano máis nos van doendo os efectos. Ben é certo que vimos, dende vai xa para aproximadamente ano e medio, notando no noso peto a perda de poder adquisitivo –que constitúe a verdadeira crise real para nós-. As estatísticas publicadas estes días, as novas en xeral, non son esperanzadoras e sementan máis dificultades aínda das que vimos percibindo dende hai meses.
Se a todo isto lle engadimos que as provincias de Ourense e Lugo son as dúas únicas das 52 que compoñen o Estado Español nas que a pensión media non acada os 600 € do SMI fixado polo Gobierno de España para este presente ano, o que nos queda é pór en dúbida ese tan repetido slogan do Presidente da Xunta que di que Galiza está a resistir mellor a crise. Xa postos, lembrámonos unha vez máis cal é entón a peza que falta do crebacabezas da unidade de España para entender como pode haber diferenzas tan abismais entre uns territorios e outros en cuestión de pensión, salarios, etc. Ou será que o da Unidade de España non é tanta unidade como algúns din…?
A publicación da EPA (Enquisa de Poboación Activa), un informe do Gobierno de España que revela o número de parados por trimestre arroxaba onte uns datos devastadores. Mentres o Presidente Zapatero suplica en Asia que o deixen sentar á mesa dos poderosos, os traballadores e traballadoras do Reino mudan o camiño do traballo polo das oficinas do paro. Mentres o Vicepresidente Quintana lle ensina aos fotógrafos o maleteiro do seu coche oficial, os operarios e operarias da automoción ollan con medo o futuro máis próximo. En Galiza, o paro aumenta un 3,04% e deixa en 112.400 as persoas desempregadas no País, situanda a taxa nun 8,47% que lle permitirá aos gobernantes consolarse dicindo que fica por debaixo da media española. Con estas expectativas, o Ministro Español de Traballo afirma que “a crise” ha estar superada en dous meses… Hai un ano recomendábannos comer coello no canto de polo no Nadal e até hai só uns meses mesmo negaban a existencia da tal “crise”...
As grandes empresas creban e os mercados mundiais esborrállanse di si e ao seguinte tamén. E todo isto mentres o mundo agarda polo grande cumio do mes que vén en Washington, capital mundial do capitalismo e do seu colapso, no que o novo líder planetario tomará as rendas co propósito de refundar o capitalismo. Que futuro nos agarda se llo confiamos a Nicolas Sarkozy?
Máis preto, a meirande factoría do País coxea. E xa se sabe que cando Citroën coxea, o sistema industrial e produtivo que xira ao seu redor ten xa os xeonllos partidos. A multinacional francesa asentada en Vigo anunciou que este ano deixará de producir o día 11 de Nadal, polo que ha traballar oito días do último mes deste ano e sen data concreta de reinicio da actividade para o 2009. Logo de estar xa en recortes de produción con respecto ao habitual, os vindeiros meses preséntanse temíbeis. O engadido é que as repercusións desta decisións (e doutras que adopta a factoría viguesa) non afectan unicamente aos seus empregados, senón a todos os das moitas auxiliares que viven unicamente para fornecela.
Exemplo claro son as mobilizacións dos traballadores de Faurecia onte polas rúas de Vigo. Enfróntanse
ao segundo ERE (90 afectados), que atinxe a nin máis ni menos ca 206 persoas. Segundo o Presidente do Comité de Empresa, “unha empresa que no último exercicio ten nove millóns de euros de beneficios non pode agora virnos con, aínda por riba, outro expediente máis”. Outra empresa de asentos auxiliar do automóbil, como é Treves, tamén rexistra mobilizacións e axitación obreira por causa doutro ERE iniciado na factoría de Pontevedra.
As dificultades sociaIs, con continuos movementos obreiros por todo o País, coas empresas abusando dos expedientes de regulación de emprego, cos gobernantes preocupados dos grandes bancos e de trivialidades absurdas e co crecente descenso do consumo non semellan un bo marco para a tranquilidade. Veremos o que vai acontecendo nos próximos meses, mais as previsións non poden ser boas cando acotío vemos que as intencións do capitalismo e dos que o sosteñen non é, nin moito menos, repensar o mundo no que vivimos. Os seus golpes a bater nas clases populares poden dar como saída camiños de revolta que non se albiscan pacíficos.


Chúzao
del.icio.us
