Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

CausaGaliza

27/10/2008 GMT -7

DE CAUDILLOS "SOCIALISTAS" ESTÁ GALIZA CHEA

augasceives @ 14:06

Cando se fala das razóns para desconfiar do suposto galeguismo da delegación en Galiza do PSOE adóitanse citar varios nomes con peso específico dentro da formación para argumentar tal desconfianza. É evidente que o carácter do colectivo fórxase en base á media dos homes e mulleres que o dirixen, polo tanto, é doado de entender a desconfianza que xera falar de “galeguismo” no PSOE cando algúns “homes fortes” son Paco Vázquez, Méndez Romeu, Abel Caballero ou Vicente Irrisari entre outros. Destes dous últimos falamos porque están a pór de manifesto algúns trazos característicos dos “socialistas de Galicia”…

Abel Caballero é na actualidade Alcalde de Vigo logo de ir acumulando no seu currículo postos dirixentes en diferentes administracións e de ser o responsábel dos peores resultados do seu partido nunhas eleccións á Xunta. Foron as de 1997, cando el aspiraba á Presidencia logo ser Deputado no Congreso Español e de ter ocupado o cargo de Ministro Español de Transportes. O seu carácter autoritario, centralista, españolista e prepotente fan del un político que non sorprendería absolutamente nada se o seu partido fora o PP.

A Depuradora do Lagares é un dos proxectos máis “vendidos” desta lexislatura e con maior rexeitamento social, é tamén un dos obxectivos preferentes do movemento ecoloxista ferventemente vivo nos últimos tempos no País. O proxecto é unha agresión en toda regra á paisaxe e aos veciños e veciñas afectadas. Precisamente, hoxe fixeron visíbel unha acción máis de protesta interrompendo o Pleno Municipal vigués que se celebrou esta mañá. Unha ducia de afectados ingresaron nas dependencias municipais e pouco despois do comezo da sesión erguéronse portando lendas contra a construción da depuradora do Río Lagares e entregáronlle un informe a cada membro da Corporación coas súas argumentacións. Unha representante veciñal achegouse ao Alcalde –non sen dificultades pola presenza das forzas da orde- para tratar de expoñerse a súa postura e pedirlle que os reciba. Foi en van, pois o talante deste individuo non entende de participación cidadá máis que cando é para pedir o voto. Ao remate do Pleno, a muller que se achegou a Caballero afirmou que segue negándose a recibilos e que se “ríe dos veciños”. Posteriormente, dirixíronse ao Xulgado para presentar unha denuncia contra o rexedor por vetar a presenza de certos veciños nun Pleno Municipal público. Os mantedores da lei e da orde actuaron para tratalos tal que a delincuentes, identificándoos, rexistrándoos e molestándoos cando accedían a un Pleno aberto ao público.

Polo norte non están tampouco exentos de caciques locais nostálxicos doutras épocas nas que non “se levaba” iso de dialogar, atender aos demais e ter que render contas…Vicente Irisarri, Alcalde de Ferrol, ten en común co de Vigo, entre outras moitas cousas o feito de gobernar unha cidade na que non naceu, xa que precisamente é vigués (e Abel Caballero, de Ponteareas). Tamén os xungue o carácter e o xeito de facer política, do que poderiamos achegar descricións semellantes ás usadas para Caballero. Este é un dos que peor levou o da adaptación á “Democracia”, polo que a interpreta á súa maneira. Mais ao contrario ca o rexedor de Vigo, Irisarri non ocupou cargos de relevancia en administracións públicas, o máis salientábel é a Presidencia de Portos de Galicia. Un deses expoñentes do absurdo que é estudar a carreira de Enxeñería Naval …en Madrid!

Vén a conto o facer referencia a este individuo o que está a acontecer na cidade de Ferrol, onde previsibelmente dentro dunhas horas se rachará o pacto de goberno entre o PSOE e Esquerda Unida. Isto é un exemplo máis dos experimentais froitos que ás veces dan os pactos democráticos, capaces de xuntar a xentes tan diversas e dispares unidas por un fin común: a cadeira do poder. As discrepancias e diferenzas entre o Grupo Municipal de Esquerda Unida en Ferrol e o do PSOE son múltiples e variadas, ao igual cás acusacións que durante os últimos días se veñen entrecruzando representantes dunha e doutra parte do Goberno ferrolán. O detonante para a saída de Esquerda Unida do grupo de goberno é a aprobación de Irisarri da Lei de Grandes Cidades, instrumento que lle permitiría ao Alcalde do PSOE gobernar en minoría con máis marxe de manobra sen contar con outras opinións nin atado a certas necesidades legais para facer segundo que cousas. Esta e outras decisións, como a retirada de competencias ao concelleiro de Participación Cidadá (de Esquerda Unida) ou a suba desorbitada de soldo do propio alcalde (73.000 euros anuais), remataron por irritar definitivamente á formación de Iolanda Díaz. Así as cousas, no Pleno Municipal desta tarde probalmente se executará a saída de EU do pacto bipartito xa que o PSOE valerase do previsíbel apoio que o PP lle ha de outorgar. Son moitos e diversos os motivos para desprezar a xestión e as formas de Irisarri. Ferrol, unha cidade que rexeitou nas urnas á dereita fascista do ex–alcalde Juncal, ten agora o seu futuro nas mans do Partido Popular, que previsibelmente manterá na Alcaldía a dereita elegante e moderna de Vicente Irisarri e o PSOE galego (perdón, de/en Galiza!).

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis