Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

# Augas Ceives

pola nosa lingua_en pé

30/10/2008 GMT -7

A PRIVATIZACIÓN DA SAÚDE

augasceives @ 12:41

Hai poucos días, os galegos e galegas recibiamos unha carta da Sra. Conselleira de Sanidade na que nos anunciaba as marabillosas vantaxes que nos había reportar a nova iniciativa do departamento que dirixe. A liña única de centralización de chamadas para pedir cita previa seica había axilizar o trámite, reorganizalo e contribuír a evitar ou reducir as saturacións nos centros de saúde. O que en realidade se agocha detrás desta nova manobra é, de facto, a privatización do servizo, unha política que estes días denuncia abertamente a CIG e que compara coas propias de Tatcher en Gran Bretaña ou Esperanza Aguirre en Madrid. Quere compararse María Xosé Rubio a estas dúas grandes figuras de extrema dereita mundial?

 

A sanidade é, historicamente, un dos departamentos peor xestionados pola Xunta malia ter transferidas as competencias na materia en favor do Servizo Galego de Saúde (SERGAS). O camiño emprendido pola Conselleira non é o máis viábel de cara a axeitar a xestión dun dos piares do que din “Estado do Benestar”. Cada día é menos sorprendente ouvir falar de privatizacións por parte desta nova esquerda que nos goberna. A liña 902 á que agora hai que chamar para solicitar cita previa pertence a unha empresa privada que tira beneficios de cada chamada. A Consellería de Sanidade ten adxudicados números telefónicos propios en cada provincia mais estes non van ser empregados en favor da empresa cuxos traballadores e traballadoras, loxicamente, non van ser seleccionados a través das listas do SERGAS, co que a precarización do traballo está á espreita.

A CIG denuncia tamén as manobras da Consellaría no tratamento das Fundacións que até o de agora sostiñan hospitais aos que se lle contrataban servizos. Tampouco no eido sanitario mudou en exceso a política fraguista de antes do “cambio”, e o continuísmo é tamén aquí o que toca. A sociedade “Galaria”, creada pola Consellaría, ábrelle a porta ao sector privado para que entre na xestión da saúde pública. Como é ben sabido, o único obxectivo da empresa privada é o beneficio, co que os doentes habemos ser os únicos prexudicados nesta nova argallada “socialista”.

Comentarios non permitidos para este Post

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis