Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

31/10/2008 GMT -7

NOVEMBRO QUENTE

augasceives @ 10:05

Dentro do que veñen sendo uns meses complicados, preséntasenos un novembro quente no que a resposta social fronte á “crise” se refire. A difícil situación económica non fai retroceder aos grandes valedores do sistema (empresas, gobernos e entidades bancarias) no abuso sobre as clases sociais que o estamos pagando. A vindeira semana será de mobilizacións en Galiza.

 

O sector da automoción é un dos motores da industria galega, co epicentro en Vigo e sendo o seu núcleo Citroën. Mais non é a multinacional francesa a única ameazada por recortes de produción e plantel, xa que estas afectan tamén a toda a rede de auxiliares que fornecen de complementos ás liñas de fabricación de automóbiles. O presidente de PSA Peugeot – Citroën anunciou en días pasados que no mes de Nadal os días de traballos reduciranse drasticamente e a produción sufrirá un sensíbel descenso.

Non todas as auxiliares recorren ás mesmas solucións. A figura do ERE adquire un desproporcionado protagonismo nestes tempos de dificultades, e moitas das novas que se producen no mundo laboral téñeno como elemento común. Algunhas empresas están a aproveitar as condicións para botar man deste recurso (Expediente de Regulación de Emprego) e “limpar” persoal sen necesidade obxectiva. A CIG convocou unha manifestación para o vindeiro luns (día 3) ás oito da tarde porque cre que é preciso “darlle resposta”; engade tamén que o problema non atinxe unicamente aos traballadores e traballadoras xunguidos ao sector do Metal, pois outros como o de Químicas e Transporte. O certo é que o sector da automoción está a notar o descenso do consumo de xeito considerábel, pois a redución das vendas de automóbiles é un dos indicadores máis fiábeis da situación que estamos a padecer. Desgraciadamente, en vindeiras semanas habemos ter que seguir a falar dos EREs e de afectados e afectadas. Mentres, as empresas e bancos seguen a alardear de resultados e de incrementos dos beneficios absolutamente insultantes, ao tempo que choran axudas e mesmo exencións fiscais para superar a crise.

Tamén en Vigo e tamén nun dos sectores máis representativos desa comarca, o do Naval, se han rexistrar movementos a vindeira semana, concretamente o xoves 6. Ollamos cara a útlima folga do sector, na que catro traballadores foran detidos. O xulgamento (enfróntanse a pena de catro anos e 4.000 €) hase producir ese mesmo día e os compañeiros e compañeiras amosaránlles o seu apoio cunha concentración.

A crítica situación do sector leiteiro xa foi protagonista nos comezos deste outono con accións de protesta e mobilizacións para esixir un tratamento xusto e a posibilidade de vivir dignamente do seu traballo. Será un dos colectivos que de novo estará na rúa nos primeiros días deste novembro.

Aínda que doutra natureza, tamén a solidariedade cos presos independentistas Ugio Caamanho e Giana Rodrigues estará presente. Os dous mozos levan en prisión preventiva preto de tres anos por seren detidos e terlles aplicado a Lei Antiterrorista pola A. N. Ceivar organizará un masivo desprazamento o luns e martes a Madrid que ha ser o cumio dunha intensa campaña que veñen realizando dende que se soubo a data do xuízo.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis