Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

01/11/2008 GMT 1

UGIO CAAMANHO E GIANA RODRIGUES VAN SER XULGADOS EN MADRID DESPOIS DE TRES ANOS DE PRISIÓN PREVENTIVA

augasceives @ 17:56

Durante os días previos ao Día da Patria de 2005, disturbios na Capital de Galiza remataron coa detención dun mozo e dunha moza por, supostamente, colocar un artefacto explosivo na sede dunha entidade bancaria. Atribúeselles tal delito e aplícaselle a Lei Antiterrorista ingresando en prisión preventiva polo presunto acto terrorista. Serán xulgados pola Audiencia Nacional e, até a data do xuízo, fican en cárceres de varios puntos do Estado Español ben afastadas do seu país. Na cadea padecen todo tipo de vexacións e mesmo agresións tanto físicas como psíquicas, sendo incomunicados, etc. Nas últimas semanas coñecéronse as datas dos xuízos e as penas ás que se enfrontan.

 

Os seus nomes e a súa situación fixéronse coñecidos nese “submundo” do independentismo que por suposto non atinxe a liña que marcan os medios comerciais, que son os que ditan que é de interese e que non o é. Ugio Caamanho enfróntase a unha petición de prisión de 21 anos de cárcere (ademais dos tres que leva en prisión sen ser condenado por nada) e Giana Rodrigues, de 18 (ademais tamén dos tres que leva en idéntica situación ca Ugio) no que é un proceso político en toda regra.

Para entender esta historia, que máis ben parece sacada doutros tempos que nos venden como xa pasados, cómpre comezar explicando que é a Audiencia Nacional. Falamos do tribunal que substituíu ao Tribunal de Orde Público (TOP) franquista, que era o encargado de xulgar os “casos políticos”. Aqueles asuntos nos que o condenábel era a discrepancia co réxime ou o sistema político. A Audiencia Nacional, que ten como instrumento principal a Lei Antiterrorista, encárgase dos xulgamentos de carácter politico-ideolóxico tendo como un dos seus brancos preferidos o independentismo galego, vasco e catalán ou as críticas á Monarquía Española.

A represión exercida contra as persoas de Ugio e Giana é unha forma de espallar o medo entre o movemento xuvenil do independentismo galego, mais evidentemente son el e ela quen están padecendo as consecuencias na súa pel. Detrás da súa condicións de “presos políticos” están dúas historias humanas, as de dúas familias que teñen aos seus en cadeas afastadas da casa (Cádiz e Ávila) privados loxicamente de liberdade e agardando un xuízo cuxa sentenza está escrita xa de antemán. O Estado Español considera que canto máis salvaxe e inhumana sexa a represión máis efectiva e mellores resultados terá.

O organismo anti-represivo Ceivar vén xogando un papel fundamental dende que Ugio e Giana ingresaron na cadea, informando da súa situación e organizando actos para non esquecelos e ter presente sempre a súa situación. Os berros e as consignas de liberdade para os presos independentistas son unha constante en calquera manifestación ou evento do movemento independentista galego nos últimos tres anos. Dende que nas pasadas semanas se fixera pública a data do xuízo, Ceivar intensificou notabelmente a campaña nacional de información con faixas e todo tipo de actos para reclamar a liberdade dos dous mozos. Onte mesmo, o responsábel nacional de Ceivar ofreceu unha rolda de prensa en Madrid na que afirmaba, entre outras cousas, que “O Estado é consciente de que se non pon un pau sobre a mesa, o nacionalismo galego ten unha forza impresionante”. Concordamos plenamente.

Esta rolda de prensa serviu como previa ao cumio da campaña, que será os vindeiros luns e martes cando dous autobuses leven a Madrid a solidariedade galega para estar presente na Capital do Estado. Cómpre salientar a difusión que atopou a campaña (con todos os actos e roldas de prensa) entre os medios comerciais, ben é certo que ofrecendo a súa versión non sempre axustada á realidade.

Para rematar sería interesante, a modo de conclusión, tirar algunhas reflexións da propia campaña de Ceivar na que se preguntaba “que é ser terrorista”. Xa que non son considerados así aqueles que impunemente atentan contra os nosos ríos, contra a paisaxe e o territorio galego. Tampouco son terroristas os que detrás dun uniforme das FSE empregan a violencia impunemente para excederse nas súas actuacións. Nin son tampouco terroristas os que no nome do beneficio empresarial inmediato son responsábeis de numerosas mortes cada ano de obreiros no seu posto de traballo.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis