Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

2 anos na rede GaliZa antifeixista GaliZa antifeixista TRACTORADA FÓRA

04/11/2008 GMT -4

VISTO PARA SENTENZA UN XUÍZO CON DESCARADO ARRECENDO POLÍTICO

augasceives @ 18:18

As argumentacións poden encamiñar a que a Fiscalía recúe e solicite a condena só por danos para Ugio Caamanho e Giana Rodrigues. Cando menos iso é o que se desprende da segunda xornada de xuízo celebrada hoxe na Audiencia Nacional de Madrid. Na primeira sesión, onte, o mozo vigués recoñeceu ter sido o autor da colocación do artefacto explosivo o 23 de xullo de 2005 nunha entidade bancaria de Compostela.

 

Porén, tamén afirmou que malia ter visto a Giana Rodrigues aquel día ela non participou para nada nos feitos. Na súa declaración Ugio dixo que “non tiña intención de facer dano a ninguén, coloquei un cartel xunto ao explosivo que dicía 'Perigo bomba. Non tocar”. Ao ser interrogado por ir disfrazado no momento de ser detido explicou que “Non quería que me recoñecesen, xa me detiveron outras veces mentres ía pola rúa”. En canto á participación de Giana, explicou que “Atopeina polo camiño e intentei desfacerme dela para que non estivese comigo nese momento, ao final desfíxenme dela ao chegar á Praza de Galiza e asegureime de que me perdeu de vista”. A propia Giana coincidiu ao explicar que “viña de durmir na casa dunha amiga, non estiven con el nin dous minutos, custoume un pouco recoñecelo, vacileille un pouco e pregunteille onde ía, pero non mo contou, tan só me dicía que tiña présa, que non se podía parar e que me fose”.

En canto ao acontecido na sesión de hoxe, o máis salientábel é a intervención da Fiscal que falou da posibilidade de substituír os cargos por “estragos” dos que nun principio foran acusados polos de “danos”. Isto suporía a rebaixa da pena de 21 anos a 8 no caso de Ugio e de 19 a 6 para Giana.

Con todo, cómpre ter en conta outras consideracións máis alá do declarado e do estritamente xudicial. O carácter político deste xuízo aséntase en varios aspectos que comezaron a evidenciarse xa antes do comezo do propio proceso. Un dos autobuses que se desprazaba dende Galiza para apoiar aos dous imputados foi detido na súa chegada á capital do Reino de España polas FSE. Producíronse identificacións e finalmente puideron entrar na sala preto de medio cento de persoas que puideron saudar a Giana e a Ugio, antes de ser expulsados da sala. Os independentistas galegos tiveron o apoio tamén de representantes casteláns e cataláns.

É significativo que das dez testemuñas do xuízo, sete sexan membros da Policía, que durante as súas intervencións insistiron “por enriba da mesa” o nome de AMI e mesturar esta organización cos feitos a xulgar. Un deles chegou a afirmar que AMI é “un grupo subversivo que persegue a independencia de Galiza, e que pretende continuar no camiño da organización terrorista Exército Guerrilleiro do Pobo Galego Ceive”. A idea foi en todo momento implicar a todo o independentismo galego nos feitos para identificalo co uso da violencia. O xuízo quedou visto para sentenza logo de, tamén nesta terza, o avogado de Ugio rexeitar o delito do uso do suposto coche roubado, rexeitar a cualificación de “continuado” para o delito de falsidade documental, e engadir que a colocación dunha bomba non pode derivar necesariamente nun delito de “estragos” por non tratarse dunha acción de guerra. Pola súa parte, o avogado de Giana Rodrigues solicitou a libre absolución da moza.

Á marxe do puro contido da nova, unha vez máis é absolutamente cómico o tratamento que a maioría dos medios comerciais lle dan. Por tendenciosa e manipuladora -nada novo- é de salientar a visión dun xornal da Capital de Galiza.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis