Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

CausaGaliza

15/11/2008 GMT -4

QUE EDUCACIÓN FINANCIA A XUNTA?

augasceives @ 12:49

Artigo de Sabela Ferreirós no que reflexiona sobre a quen destina os fondos públicos a Consellaría de Educación e que tipo de educación se está a subvencionar dende a Xunta.

  

Quizais para entender mellor a gravidade do que se vai expor sexa preciso comezar polo principio. Que dous millóns de euros dos nosos petos vaian parar ao financiamento de colexios privados que rexeitan a educación mixta e outros valores establecidos e consolidados a día de hoxe é motivo suficiente como para afirmar que o ou a responsábel de que iso sexa así non pode ficar nin un minuto máis no seu cargo. 

O Opus Dei é a ala máis extrema e extremista da Igrexa Católica (xa de por si escasamente tolerante), cuns preceptos ultraconservadores e agresivos que non se corresponden en ningún momento cunha percepción actual da sociedade. Esta organización forneceu de altos cargos ao réxime franquista e colleita aínda hoxe apoios entre salientábeis dirixentes da política, da sociedade, da empresa e da propia Igrexa Católica. O Opus Dei ten características propias dunha seita, segundo manifestan ex membros saídos da organización, falan de escasa liberdade, captación extrema, separación do entorno propio, absorción plena e requerimento de entrega total, sexismo, etc. Algunhas destas características son coñecidas e recoñecidas sobradamente. O que xa non é tan público é que o patrimonio estimado desta organización é de aproximadamente 2.800 millóns de dólares e que conta con só 85.000 membros en todo o mundo.

Tras esta breve descrición do que é unha entidade absolutamente contraria aos valores espallados pola sociedade actual, cómpre dicir agora que estes ideais sosteñen varios colexios privados nos que estudan rapaces e rapazas de Galiza, dos cales moitos dos pais de seguro que nin coñecen as teses nas que están a ser educados os seus fillos. Tres centros de Vigo e dous da Coruña son subvencionados con fondos públicos pola Consellaría de Educación, en mans do PSOE. Tales colexios, entre outras características propias do Opus Dei no tocante ao ensino, non permite a educación mixta e mantén separados nenos de nenas.

Non suporía motivo de sorpresa que isto se dera en tempos nos que o PP (no que abondan membros desta seita), mais que o continuísmo aplicado polo Bipartito na Xunta non mudara nin tan sequera isto é razón dabondo para indignarse. A belixerancia entre a Igrexa Católica e o PSOE intensificouse nos últimos anos, con algunhas máis ca mornas decisión e declaracións de gobernantes do Executivo Español. Non teñen razón os representantes relixiosos porque esquecen que neste Estado laico se lles están a manter privilexios propios doutros tempos, tamén económicos e financeiros. A agresividade dos representantes católicos procurando o derrubamento do Goberno Español case por calquera medio e lembrando nostalxicamente outras “tomas do poder” pasadas non é respondida con firmeza da outra banda. Touriño segue a manter o financiamento público para educar nenos e nenas en valores nacionalcatolicistas, alonxados do coñecemento e nunha visión social tan irreal que raia se asenta na mentira.

A Conselleira de Educación debe retirar as inxentes subvencións a centro do Opus Dei ou dimitir de inmediato, o PSOE debe rachar con estes privilexios xa. É cómplice o silencio do BNG? É aceptábel ficar nun goberno que atenta de cheo contra os principais trazos ideolóxicos dun mesmo?

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis