SEGUE A FOLGA DA LIMPEZA, SEGUEN AS RECEITAS DE VIOLENCIA POLICIAL
No día de onte, durante o décimo día de folga do sector da limpeza da provincia de Pontevedra, as accións de protesta seguen para facer visíbel as reivindicacións das traballadoras e traballadores do sector. En Pontevedra ocuparon a sede de Presidencia máis de cincuenta piquetes até ben entrada a noite. No sur, fixeron o percorrido de Vigo a Cangas para proseguir coas mobilizacións.
A desmedida presenza de antidisturbios segue a ser a resposta do goberno a cada movemento social que se produce na Nosa Terra. Hai que lembrar que a semana pasada dúas traballadoras en folga foron brutalmente agredidas polas Forzas da Orde tendo que ser ingresadas nun centro hospitalario. Precisamente en Pontevedra de novo repetíronse onte os altercados coa Policía, que por volta das dúas da tarde prohibía volver entrar no edificio a dous traballadores que saíran por comida para levarlles aos pechados dentro.
A estratexia foi mudada en Vigo ao comprobar que a presenza das Forzas da Orde previsibelmente provocaría enfrontamentos violentos de resultados graves para as traballadoras e traballadores. En barco desprazáronse a Cangas para manifestarse polas rúas da vila até o Concello, onde foron recibidos pola Alcaldesa.
A boa nova do día chegaba, curiosamente, cunha sentenza xudicial que anulaba os abusivos servizos mínimos ditados pola Alcaldesa de Sanxenxo. Así, todas as traballadoras e traballadores poderán libremente apoiar a folga. Onde segue sen haber novidades é na postura da patronal, que segue a rexeitar calquera negociación ou achegamento coas traballadoras.
As receitas de represión e violencia non entenden de crise, e tanto Delfín Fernández como Manuel Ameixeiras seguen respondendo con paus a calquera movemento social. Xa non son as mobilizacións ou actos maiormente xuvenís ou de corte independentista os brancos da súa xenreira, agora ninguén que se manifeste na rúa está a cuberto “dos paus da xustiza”. Agás como non, as impunes e falaces xuntanzas de rúa dos neofascistas da ultradereita lingüística ou relixiosa.


Chúzao
del.icio.us
