ENTENDEDES AGORA O QUE É "A GALIZA CONSCIENTE"?
Moitas veces temos falado aquí da que demos en chamar “Galiza consciente”. Esa parte da poboación, non necesariamente adscrita a ningunha idea política definida nin militante de ningunha organización, pero sabedora de que vive nun país con moitos asuntos por normalizar e afogado por múltiples factores sociais, económicos e políticos que non lle permiten exercer plenamente o seu desenvolvemento. Maniféstase de múltiples xeitos, dende pequenas asociacións de ámbito local até grandes plataformas nacionais, mais co eixo común de tratar de mudar o establecido. Os datos comezan a falar mesmo en Madrid de que algo mudou naquel recanto do norte do só sabían que se comía ben.
Serían innumerábeis os exemplos nos que emerxe ese concepto, o de consciencia propia contra calquera abuso, o de defensa e promoción do propio. Esmorece aquela idea de sumisión e aceptación de todo sen máis. Non queda xa recanto do país no que sexa doado impoñer a vontade do rico contra a do pobo. Lonxe queda aquilo de “la calle es mía”, agora saben que “a rúa é nosa”.
Coñecemos os informes do Ministerio de Trabajo español que recolle recentemente o Consello Económico e Social de Galiza. Seica a “conflitividade laboral” multiplicouse por 26 en só tres anos. Recolle unha serie de números e datos aos que non lle outorgaremos absolutamente ningunha credibilidade, pois ese números son os facilitados pola “versión oficial” en cada folga, manifestación, etc. Son coñecidos os disparates que se adoitan cometer cando se fala deste tipo de cifras, polo tanto cando os seus datos sinalan ese importante incremento, a realidade que se agocha detrás ha ser ben superior. Conclúen así que Galiza é o segundo territorio do Estado no que máis folguistas houbo, só por detrás de Andalucía (cunha poboación moi superior) e moi por diante de comunidades autónomas cun número de habitantes moito por enriba de nós. Apúntanse outros datos, como que un 20% das persoas en folga de todo o Estado durante o pasado ano eran galegos/as. Ou que en só tres anos, nesa táboa Galiza pasou de estar nos derradeiros postos e situarse no segundo e moi preto da cabeceira. Hai que ter en conta que estes números engórdanos as grandes mobilizacións e as folgas dos sectores do metal, da construción ou do naval, especialmente polo sur.
Estes datos, ficticios, baten de cheo contra a idílica paisaxe que imaxinan no Parlamento Galego, ao que non chega nada que faga pensar en conflitividade Galiza. Todo o país reacciona e se manifesta, con concentracións ou revoltas de maior ou menor repercusión e tamaño. Xa non se mira quen está diante para defender ben o medio no que vivimos, ben os nosos dereitos laborais, ben os nosos sinais de identidade ou para oporse frontalmente ao modelo no que nos embutiron.


Chúzao
del.icio.us