Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

CausaGaliza

28/12/2008 GMT -3

SUPERIORIDADE GALEGA NO TERREO DE XOGO

augasceives @ 20:23

Crónica dos encontros das Seleccións Galegas de fútbol fronte a Irán e Illes Balears. Axiña habemos ter completa o que foron as xornadas máis alá do puramente futbolístico. Tanto eles coma elas amosaron unha superioridade espectacular. Parabéns!

  


Horario Champions League para o amigábel da Selección Galega masculina fronte a Irán onte en Riazor. Pero ás nove menos cuarto xa aconteceran moitas cousas nas rúas da Coruña, mais chegaba o momento de gozar co xogo dos nosos logo da interpretación do himnos nacionais de cada país. Coma sempre, a bancada galega respectou o do rival e vibrou con intensidade cando se comezou o canto d’Os Pinos.

No once galego botábanse en falla varias das “estrelas” do noso fútbol que nun primeiro momento estaban na convocatoria e que despois, por diversas circunstancias, non saltaron ao céspede coruñés. Non se notaron as baixas e o combinado galego demostrou poder acadar un nivel suficiente como para non ser inferior a moitos equipos de talla internacional que xogan competicións oficiais. Moito se falara do esforzo que había facer Nacho Novo para estar por primeira vez coa Irmandiña, e abofé que logo de perder á mediodía co seu Rangers no derbi de Glasgow fronte ao Celtic, o ferrolán foi titular. Era o máis rebuldeiro na liña ofensiva galega e o que máis perigo achegaba á porta asiática. Foi no minuto 23 cando apañou un balón logo de tirar un bo desmarque para encarar ao porteiro iraniano Rahmati e facer o primeiro gol cruzando a bola por alto.

A festa galega na bancada ardía en todo o seu esplendor, e non era para menos pois a superioridade dos nosos era notoria sobre un conxunto que para nada viña a pasar o tempo, senón que competiu honestamente. Con todo, un mal despexe dentro da area do central compostelán Rubén González deixoulle en bandexa o empate ao conxunto de Irán. Co 1-1 chegouse ao descanso.

Nacho Novo facendo o segundo de Galiza fronte a IránAo fío do cuarto de hora do segundo tempo, o mago de Rábade quixo coroar o fútbol de alta escola que se estaba a ver na noite coruñesa. Sacou o GPS e serviulle un pase maxistral polo medio dos centrais a un listísimo Novo. Estábao vendo xa dende antes de aterrar en Alvedro e soubo aproveitalo. A imaxinación do céltico non merecía menos cá extraordinaria definición do dianteiro que xoga en Escocia. Facía o 2-1 e xa era o protagonista do encontro. A bancada soubo recoñecerllo e entre os asentos do estadio herculino resoaba o nome do xogador que ningún directivo do fútbol galego foi quen de apreciar, coma tantos outros.

Arsenio e Vázquez, a dupla dirixente do combinado nacional no aspecto técnico, quixeron que a estrela galega tivera a súa ovación e fixeron o troco de dianteiros. Íase Novo e entraba outro dos históricos, o “Chino” Losada. Foi pisar o céspede e ter a oportunidade de tirar o inocente penalti que a defensa de Irán cometía como resultado do abafante dominio galego. Gol do punta do Lugo, 3-1 para Galiza. Coa festa rachada e agardando xa polos concertos de despois do partido, aínda a Campioa de Asia tiña tempo de demostrar que non viñera de turismo e fixo o 3-2 co que remataría o encontro. O combinado galego, con sensíbeis baixas deu espectáculo e gañou con solvencia fronte a un equipo acostumado a xogar mundiais. O noso fútbol ten estrelas espalladas polas mellores competicións de Europa e militantes en equipos punteiros.

Quenda para feminina

A tarde do domingo era para apoiar ás mozas en Pasarón. Comezaba con algunha que outra chapuza organizativa no tocante ás portas de acceso e á megafonía, que nos impedíu escoitar enteiro o Himno Nacional que foi comezado até en tres ocasións. A rival finalmente era a Comunidade Autonoma catalá de Illes Balears. O fútbol feminino galego está a medrar a pasos axigantados nos últimos tempos e, coa bonita lembranza da selección subcampioa do mundo de fútbol sala, as xogadoras saltaban ao céspede do vello Pasarón en obras coas ansias de demostrar que a derrota fronte a Catalunya do ano pasado fora excesiva. Saíron esmagadoras as galegas fronte a un rival inferior e tardou catro minutos Mari Paz Vilas en abrir o marcador.

A partires de aí, o encontro tivo un só condutor e unha soa dirección. O equipo nacional galego poñía rumbo á porta das baleares e a clase no medio do campo de Verónica Boquete dáballe a Galiza un dominio notábel. Antes do remate do primeiro tempo, Mirian Ríos converte o segundo e fai xustiza á superioridade galega. Con todo, e antes de chegar ao descanso, as catalás tiran ao pau da porta defendida por Maite.

No segundo tempo o abafante insistir de Galiza deu co derrubamento da resistencia rival. Vero Boquete gobernaba ao seu antollo o centro do campo xogando e facendo xogar a Mari Paz e a Anaír sobre todo. O regueiro de goles comezou co terceiro, asinado por Miriam; o cuarto foi de Vero Boquete, o quinto de Anaír, o sexto de novo da capitá Verónica Boquete e o sétimo inventouno Mari Paz. Este último merece atención especial, pois foi unha obra de arte chea de precisión e visión de xogo da dianteira galega. Puido caer algún máis, pero non era necesario afondar na derrota do conxunto balear. A contundencia do resultado demostraba á perfección a diferenza de potencial entre unhas e outras. Antes do remate, un erro da porteira galega propiciaría o gol da honra para as do Mediterráneo deixando o marcador final no 7-1.

Pechábase así unha fin de semana de espectáculo futbolístico que as nosas seleccións nos ofreceron nos terreos de xogo. Parabéns e adiante Galiza!

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis