Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

07/01/2009 GMT -3

MORTE E DESTRUCIÓN PERMITIDA

augasceives @ 17:28

Diante de tan cruel expresión de miseria social como a que se está a manifestar en territorio palestino sempre se procura atopar o cualificativo que encerre a maior cantidade de xenreira posíbel. Xenreira contra a vileza que amosan os bombardeos sionistas, contra quen os ordena, contra quen os executa, contra quen os defende, contra quen os permite, contra quen os xustifica. Pouco se pode facer máis ca desprezar a todo o tecido que sostén esta infamia e solidarizarse co pobo palestino, que está a ser literalmente exterminado.

 

Israel, coa sombra estadounidense por detrás, decidiu castigar a chamada Faixa de Gaza, nos territorios ocupados e oprimidos de Palestina. Bombardeou dende o aire durante varios días a cidade de Gaza asasinando centos de civís inocentes. Iniciou o ataque terrestre despregando todo o seu potencial militar para arrasar as rúas e liquidar a poboación a discreción. A teoría de desmantelar as bases de Hamás cae por si soa ao ter cortado, na chamada primeira fase, os servizos básicos como a auga ou o gas. Estamos diante dun castigo colectivo a toda a poboación civil. Agora, ao entrar xa na cidade, os bombardeiros atacan puntos sanitarios como ambulancias ou hospitais e escolas ou puntos de refuxio. Isto está a ser, literalmente, un varrido en toda regra co obxectivo de exterminar e borrar da face da Terra a todo un pobo.

Non é o doado entender a caste moral dos responsábeis políticos internacionais, capaces de mirar cara a outro lado diante do que está a acontecer e amosar a máis indiferente frialdade. Os seus baleiros discursos e as súas núas intencións non agochan a súa desprezábel catadura. Van seguir permitindo que Israel sexa o estado do mundo que máis resolucións da ONU incumpre e que máis viola os dereitos humanos e todos cantos acordos internacionais se poidan citar. Non van rachar ningunha relación preferente co estado sionista nin artellar ningunha sanción ou medida contra o protexido ianqui. Son indesexábeis as declaracións dos chamados “líderes mundiais” apelando aos “esforzos diplomáticos” para a fin do que chaman “conflito”. Entre eles, o propio Juan Carlos Borbón, Rei e Xefe do Estado español. Contrastan coas manifestacións de solidariedade que se dan por todo o mundo e que protagonizan os pobos aos que estes monicreques non representan.

Tanta repugnancia como as súas verbas prodúcennola os propagandistas dos grandes medios de comunicación e os xuntaletras a soldo encargados de crear opinión. Agroman as ideas e espállanse entre os editoriais e columnas de opinión, sendo doado que se asenten ao tratarse dunha realidade que nos amosan como afastada e descoñecida. Poden estes días lerse na prensa española máis ancorada nas covas fascistas argumentos verdadeiramente arrepiantes, calcados das teorías de xenocidas como Hitler, Bush, Sharon ou Aznar. Razoamentos insostíbeis que procuran a xustificación da invasión e aniquilamento de Palestina. As mañas nazis son empregadas agora polo pobo que no seu día foi vítima do Holocausto e que hoxe procura o exterminio físico de toda unha poboación.

Unha vez máis, só manifestar a nosa repulsa polo terrorismo de estado israelí e por aqueles que o amparan e xustifican. A nosa solidariedade co pobo palestino e a forza e convencemento de que o pobo unido resistirá e vencerá!

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis