Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

# Augas Ceives

pola nosa lingua_en pé

08/01/2009 GMT -3

MÁIS SANCIÓNS PARA QUEN SE MOVA

augasceives @ 21:30

Non se fan esperar as respostas represivas dun PSOE que fai balanzo positivo á fronte de canto está. Referímonos ao fascismo reciclado e revestido de democracia que camiña canda o Subdelegado do Goberno en Pontevedra, Delfín Fernández. A súa función consiste en acosar todo canto movemento social ouse ameazar a súa ficticia paz social, na que todo aquel que discrepa é considerado como vándalo. Os seus métodos son a violencia policial que acada o seu máximo esplendor ás súas ordes e as sancións económicas que baten os petos dos que antes foron agredidos pola súa “xustiza”. Exemplo desta segunda receita son as multas que lles foron impostas aos traballadores da limpeza durante a folga do pasado mes de novembro.

 

Daquela, no marco das protestas, déranse peches absolutamente pacíficos en dependencias da Xunta en Pontevedra. 600 euros para dezaoito traballadores que participaran naquelas protestas, algo absolutamente desproporcionado pero moi na liña dos emisarios colonialistas do Estado en Galiza. Repugnantes son os cargos de Delegado e Subdelegado do Goberno e máis aínda o son as persoas que os ocupan.

Esta é a súa maneira de entender a democracia e a liberdade. Co PSOE en plena precampaña falando cinicamente de modernidade e dereitos, acotío coñecemos novas deste tipo que non chegan ao debate precociñado e aos slogans de valado publicitario. O brutal aumento da violencia policial, da brutalidade e da represión por calquera método non ha entrar no intercambio de impresións co que nos han aburrir durante o vindeiro mes. As súas falsas promesas e baleiros contidos encherán os medios e ocuparán os informativos, mais seguirán sen falar dunha realidade da que seguen moi afastados.

Comentarios non permitidos para este Post

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis