Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

# Augas Ceives

pola nosa lingua_en pé

09/01/2009 GMT -3

SOLIDARIEDADE GALEGA CO POBO PALESTINO

augasceives @ 16:12

Mentres en Gaza segue a matanza de civís por parte do Estado de Israel, día a día seguimos a ver como nos chegan novas sempre na mesma liña. Non se detén a crueldade israelí nin a pasividade internacional. Segue a medrar sen límite previsto o número de vítimas civís e mesmo organismos de axuda humanitaria anuncian xa a súa retirada da zona. A situación é extrema. Esta fin de semana, Galiza hase encher de concentracións de solidariedade co pobo palestino. De novo, esa parte consciente da nosa sociedade volve moverse para axitar as conciencias e chamar á xente á rúa para solidarizarnos cun pobo que está a ser exterminado literalmente. Non deixemos que gañe a indiferenza!!

Xa hoxe, venres, hanse producir concentracións en varias cidades galegas como continuación das primeiras que tiveron lugar xa dende o comezo da invasión sionista. As Pontes, Ponferrada ou Ferrol saen hoxe ás rúas malia o frío que adormece os músculos e as conciencias.

Mañá sábado a solidariedade internacionalista e a repulsa ao terrorismo diplomático espallarase por vilas e cidades de Galiza. De seguro moitas máis que as que aquí citamos, pero temos coñecemento das seguintes confirmacións: Ponteareas (concentración diante do Concello á unha da tarde), Vigo (manifestación ás seis dende Vía Norte á Porta do Sol), Compostela (manifestación ás oito dende o Toural ao Obradoiro), Pontevedra (manifestación ás oito dende a Peregrina á Subdelegación do Goberno de España), Lugo (concentración ás oito diante da Subdelegación do Goberno de España), A Coruña (concentración ás oito e media nos Cantóns) e A Estrada (concentración ás oito e media na Praza do Concello).

Detémonos neste último punto. Vén de nacer a “Plataforma A Estrada por Palestina”, que organizará unha concentración mañá sábado na vila que rematará coa lectura dun manifesto e o acto simbólico do lanzamento de zapatos contra a imaxe dun tanque israelí. Este xesto cobrou notoriedade e soubemos do seu negativo significado nesa cultura cando hai varios días un xornalista iraquí tentou agredir deste xeito ao xenocida George Bush. Saudamos a orixinalidade da idea dunha plataforma que integra á maioría de movementos sociais da vila estradense (na curiosa mestura conflúen dende Briga até Xuventudes Socialistas, pasando polo BNG, SLG, varias asociacións veciñais e culturais xunto ao propio PSOE ou Galiza Nova).

Tamén soubemos nas últimas datas da convocatoria dunha manifestación nacional para o vindeiro 18 de xaneiro en Compostela. Mais as informacións a este respecto son até o momento escasas e non moi esclarecedoras. Veremos se se van confirmando nos vindeiros días. Cómpre lembrar que para daquela faltarán só dous días para unha data chave na estratexia sociopolítica que está detrás deste holocausto: a toma de posesión do novo presidente do imperio americano. Veremos como afecta a proximidade da data ao acontecer dos feitos. Non é desbotábel que vexamos unha pantomima de declaración ficticia de paz para venderlle ao mundo as fotos da diplomacia internacional, que conseguiría cos seus esforzos o cesamento dos ataques israelís.

Comentarios non permitidos para este Post

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis