UNHA HISTORIA QUE SE ESCRIBE CON BOMBAS E SANGUE
Alleos ao clamor mundial de repulsa pola matanza, os tanques sionistas seguen coa masacre en Gaza. O estado terrorista de Israel prosegue o seu holocausto contra a poboación civil palestina e as frías cifras de mortos achéganse ao milleiro de asasinados e a un incontábel número de feridos, ademais da desfeita material. O nazismo do que fan gala os dirixentes xudeus é o mesmo que exterminou a súa poboación durante a II Guerra Mundial. Decidimos facer un percorrido histórico para tentar entender como se chega a esta situación, sinalando inescusabelmente que ningunha explicación vai xustificar o que está a acontecer nos territorios ocupados.
Un bo punto de comezo é procurar o motivo de tanta xenreira revestida de bombas de acio e outras destrutivas armas dun dos máis poderosos e avanzados exércitos do mundo: o israelí. Detrás de todo canto leva a sinatura do estado sionista agóchase sempre Estados Unidos, principal protector no mundo de todo canto fai e incumpre Israel, e principal valedor tamén da creación do imposíbel estado xudeu. Un vez máis, os motivos relixiosos están detrás dun dos principais conflitos do planeta e, coma sempre, as listaxes de vítimas engordan con nomes de civís.
A comunidade xudía espallouse historicamente polas terras do que hoxe coñecemos como Oriente Medio sen encadrarse nunca nun único estado. A raíz do holocausto que rematou coa vida de
aproximadamente once millóns de persoas, case a metade xudeus, a ONU decidiu que unha boa “compensación” era deseñar nun mapa político un estado artificial que acollera a esta comunidade en territorios de Palestina. O nacemento deste estado foi o pulo definitivo ás ansias sionistas, movemento que nacera a comezos de século e que basea a súa razón de ser na necesidade dun estado que “encerre” aos xudeus nunhas fronteiras que tan só lle interesarían ás grandes potencias occidentais e aos impulsores do propio Sionismo.
A partires de aquí, a historia escríbese con refuxiados, desprazados, guerras, terrorismo e violencia en xeral. Tralo nacemento en 1948 do Estado de Israel, os países da zona negáronse dende un primeiro momento a recoñecelo como tal. Os conflitos diplomáticos producen danos na poboación civil e os
seus efectos son preto de 700.000 desprazados dende os países veciños cara ao novo Estado xudeu. Israel responde de semellante maneira e expulsa aos árabes do seu novo territorio. A poboación civil é a que paga as consecuencias unha vez máis, independentemente dos movementos ao máis alto nivel produto dos cales tan só Exipto e Xordania recoñecen o novo estado. O conflito máis ou menos explícito non se apagou nunca e o ambiente bélico foi a constante dende aquela e sempre con grande protagonismo dos intereses occidentais. As tensións alimentábanse de ameazas, provocacións e persecucións dunha e outra parte até que en 1967 Israel ataca Exipto, Siria e Xordania no que se coñeceu como a Guerra dos Seis Días, deixando boa mostra do potencial militar que xa acadara o exército xudeu.
Seis anos despois, Siria e Exipto atacan conxuntamente Israel coa intención de recuperar os territorios que antes lles foran conquistados. Mais unha vez, o potencial bélico israelí axiña iguala forzas e o conflito adquire dimensións mundiais, con intercambio de ameazas mesmo da URSS que fixeron que Estados Unidos “obrigara” a Israel a un cesamento do fogo. Asinan a paz nos coñecidos como Acordos de Camp David, polos cales Israel devólvelle a Exipto o Monte Sinaí e o país africano recoñece formalmente o Estado de Israel.
A natureza histórica de Israel como estado con gusto polo bélico e impune incumpridor de cantos acordos e resolucións se tomen –sempre baixo o paraugas protector ianqui- confírmase cando en 1982
deciden atacar o Líbano baixo a escusa de perseguir aos supostos terroristas de Al-Fatah, grupo encabezado por Yasser Arafat, consagrado líder árabe e que recibiría o Nobel da Paz en 1994 e sería Presidente da Autoridade Nacional Palestina. Cómpre lembrar que hoxe Israel invade Gaza co pretexto de deter aos terroristas de Hamás, organización tamén apoiada masivamente nunhas eleccións democráticas e declarada “terrorista” polos organismos internacionais dirixidos polos EEUU. O resultado da invasión do sur do Líbano por parte de Israel é a proliferación de grupos terroristas que se propoñen como fin o ataque a intereses xudeus e a eliminación final do Estado de Israel.
1987 é o ano da I Intifada, que consiste na loita organizada de moitos pequenos grupos palestinos para expulsar aos xudeus dos seus territorios, que están sendo ocupados e oprimidos provocando a agresión permanente do pobo palestino. Neste punto, a historia vai tecida con fíos de intereses varios que se entrecruzan, en 1990, coa propia Guerra do Golfo. As boas relacións entre Sadam Husein e Arafat fan que Iraq ataque Israel, aínda que sen chegar a abrirse aí unha fronte importante.
Transcorre así a década dos 90, coa inestabilidade propia da zona e o acoso permanente ao pobo palestino, vítima non só dos ataques externos senón tamén das loitas polo poder interno dos grupos que sosteñen a autonomía da ANP. En 1993 asínanse os chamados Acordos de Oslo, na que se da por rematada a I Intifada. Mais o certo é que o conflito non remata xa que o cerne do mesmo é a opresión do pobo árabe na súa propia terra, Palestina, e isto non muda coas ficticias declaracións de paz.
A II Intifada ten lugar no ano 2000 mais non se pode delimitar con exactitude o seu remate, nin tan
sequera se está rematada. Os primeiros anos da década estiveron marcados pola presidencia israelí do xenocida Ariel Sharon, un criminal de guerra de extrema dereita e culpábel xa doutras matanzas durante a invasión do Líbano. Este é un personaxe indispensábel se nos referimos á crueldade do estado sionista, pois sempre se caracterizou por un neonazismo que non dubidou en aplicar para exterminar á poboación civil palestina. Mais esta II Intifada está composta por outros elementos e intereses internos nas organizacións palestinas, á procura do poder que se acentúa coa morte en 2005 de Yasser Arafat. A resposta de Israel foi coma sempre contundente e mortífera, da man de Sharon e xa co apoio manifesto doutro xenocida con intereses na zona, George Bush dende a presidencia dos EE.UU.
Hai tres semanas Israel inicia o ataque máis devastador dos últimos corenta anos sobre a Faixa de Gaza.
A brutalidade sionista é a campaña electoral para os aspirantes a liderar un estado artificial e monicreque que celebrará eleccións lexislativas o vindeiro mes de febreiro. Os partidos no poder usan Palestina para facer gala da súa criminalidade e gañar apoios fronte á oposición do partido do Likud, liderado por Netanyahu. A sangue pona o pobo palestino. O mundo agarda ao 20 de xaneiro, data na que Barack Obama tomará a presidencia dos EE.UU. para ver se se produce algún movemento en favor da paz. Mais até o de agora, o non pronunciamento do presidente electo demócrata que espertou unhas desmesuradas expectativas en todo o mundo e un golpe ás esperanzas dos ilusos que vían no simpático novo líder mundial a un pacifista que ía mudar o mundo.
Esta é a historia escrita con bombas israelís e sangue palestino que se repite ciclicamente co apoio dos
EE.UU. e a pasividade amedrentada do resto da chamada comunidade internacional. A mofa en forma de eufemismos como “esforzos diplomáticos” adorna o escenario bélico cinicamente preparado para unha invasión que fai as veces de mitins preelectorais. Todo está previsto e a invasión ten data de remate a ollos das televisións mundiais, pois non cederá a pé de rúa. Posibelmente a primeira foto na que saia sorrindo o novo presidente dos Estados Unidos sexa asinando uns novos acordos de paz que dean por rematada esta agresión, até a vindeira vez. Habémolo ver. Mentres os flashes non se disparan, os que si o fan son os tanques e os contadores de vítimas palestinas. Achéganse a mil.


Chúzao
del.icio.us