DOUS POBOS BAIXO UN MESMO SISTEMA IMPOSTO
Opinión de Sabela Ferreirós sobre as coincidencias e paralelismos que o sistema electoral español impón en Galiza e en Euskadi. Os dous pobos votarán o mesmo día, mais non todos o poderán facer.
Teriamos que botar man de referencias históricas para explicar a vantaxe que a día de hoxe leva o pobo vasco sobre o galego no camiño cara o pleno recoñecemento dos seus dereitos nacionais. A nosa historia está marcada polo xugo centralista español que ciclicamente foi estando nos momentos oportunos e decisivos por diante da iniciativa galega para facerse co poder e cos nosos recursos, deixándonos a expensas de decisións tomadas sempre fóra. A historia do pobo vasco non é doada tampouco, pois os seus territorios foron repartidos administrativamente en dous Estados e mesmo dentro do español se partiu en catro provincias e dúas Comunidades Autónomas. En Euskadi e Galiza celébranse eleccións o vindeiro 1 de marzo; uns comicios baixo un sistema deseñado en Madrid, imposto pola súa democracia e perfeccionado súa xustiza. A ocupación en Galiza por parte das forzas tanto civís como militares e o acoso político-xudicial contra os movementos sociais ten o seu correspondente en Euskadi nunha Ertzaintza ao servizo das políticas españolas e en mans dun PNV en plena sintonía con Madrid.
A política vasca das últimas décadas non pode entenderse senón é como un conflito. A banda ETA iniciou o camiño da loita armada en plena ditadura franquista, reorientando os seus obxectivos co paso do tempo e chegando ao desnorte absoluto a día de hoxe. O terrorismo de Euskadi Ta Askatasuna sempre foi, e ségueo a ser, un boísimo argumento para o Estado Español á hora de presentar as súas operacións contra o independentismo vasco de cara ao resto da sociedade. A identificación de “terrorismo” con “independentismo” enguliu o traballo político da esquerda abertzale (da que rexeita a loita armada e da que non) e serve como escusa para as prácticas fascistas do Estado Español
democrático, independentemente de quen sexa o que o dirixe. Con todo, fronte ao discurso único e cun aparello mediático e publicitario esmagador, as formacións abertzales seguían a obter resultados salientábeis nas distintas eleccións que se celebraban na C.A.V. e mesmo en Nafarroa.
PP e PSOE decidiron durante os oito anos de goberno fascista de Aznar aprobar unha lei antidemocrática e contraria á súa propia Constitución para vetar a presenza do independentismo vasco nas eleccións e nas institucións, como representantes da cidadanía que libre e lexitimamente a puidera apoiar. A chamada Lei de Partidos converteuse nun instrumento descaradamente orientado a ilegalizar o independentismo vasco, non os diferentes partidos en si senón o propio concepto ideolóxico. A xustiza está así ao servizo dos intereses políticos do partido gobernante e este non dubida en tirar de ordes xudiciais para prender aleatoriamente a cidadáns e cidadás sen motivo ningún descrito no código penal. O outro factor é ETA, que segue a servir como protagonista da publicidade centralista para seguir acusando á esquerda abertzale de “colaboración con banda armada”. Por establecer un paralelismo moi propio da xustiza española: existen “injurias a la Corona” porque existe Monarquía.
O xuíz que pasaría por actor de serie de ficción americana inicia a súa particular campaña electoral ordenando a detención de oito persoas cuxo único delito imputábel é querer participar nunhas eleccións. Representantes da nova plataforma D3M foron detidos esta pasada semana e vaise coutar o dereito a elixir e ser elixido o 1 de marzo. Moitos milleiros de españois non van poder votar a súa opción política en Euskadi, o PNV seguirá calado e o PSOE estará en disposición de acceder á Presidencia do Goberno Vasco. En Galiza, pola contra, o sistema electoral español ha seguir permitindo que poidan votar cidadáns doutras terras total e absolutamente alleos á nosa realidade, votos decisivos que irán parar ás mans de quen máis e mellor mova os fíos alén mar (ben PP, ben PSOE). Ese sistema, o democrático español, tampouco ha permitir votar a varios milleiros de galegos, traballadores, que se atoparán embarcados.
A democracia española ten moitas vías de auga. Iso ao que algúns se refiren como modélica e chaman Transición non foi tal, cremos. O réxime anterior prohibía as eleccións, mais este non as permite na súa totalidade. Deseña unha caste de comicios nos que só poden participar os que se acomoden ao seu pensamento único ou, como moito, amosen mínimos matices sempre negociábeis.


Chúzao
del.icio.us