Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

# Augas Ceives

pola nosa lingua_en pé

19/02/2009 GMT -1

É TODO PRODUTO DA CRISE?

augasceives @ 14:51

Artigo de Sabela Ferreirós no que escribe sobre algunhas novas da actualidade dos últimos días e quen dan pé á reflexión. Varios feitos que se insiren paseniño na normalidade e que constrúen unha preocupante realidade. 

 

Como adoita acontecer cada certo tempo, filtrase á luz pública unha achega máis que segue a confirmar o carácter corrupto dos piares deste Estado. Mandos policiais dunha comisaría de Madrid ditaban instrucións concretas para que os axentes da orde fixeran detencións sistemáticas até acadar un determinado número de inmigrantes ilegais. O Ministro español de Interior acepta e recoñece con toda naturalidade o tan desprezábel e arrepiante feito. Un acontecemento máis que contribúe a facer medrar a imaxe exterior do Reino de España como xenófobo, racista, escasamente coidadoso cos dereitos humanos e outras revelacións que teñen feito diversos estudos de organismos internacionais.

O poder xudicial fai folga. Un colectivo sumido maioritariamente nuns tempos escuros que aplica arbitrariamente un concepto de xustiza interpretado de xeito moi libre e particular. Demandan agora cuestións que seica veñen tempo reclamando, pero nunca se dera o caso de exercer o discutido dereito á folga. A politización da Xustiza española é tal que a súa participación nun proceso electoral é determinante, convértense no verdadeiro corte que determinadas leis teñen que superar situándose por enriba do Poder Lexislativo. Non é doado entender senón é dende a perspectiva política unha folga destas características en campaña electoral.

O empresariado español presenta as súas receitas contra a agresiva crise económica: despido libre, EREs sen necesidade de autorización… Á vez que entenden que a solución pasa pola recuperación dos niveis de consumismo que os puxeron nunhas cotas de beneficios ben afastadas dos parámetros socialmente aceptábeis. Non deixan de presentar beneficios, non deixan de ingresar fondos públicos e non deixan de seguir reclamando máis licenzas para a explotación legal. As compañías telefónicas, as hidroeléctricas e a banca seguen a engordar as súas contas de resultados mentres ofrecen un pésimo servizo e adoptan o papel de vítimas presentado moreas de dificultades a fin de obter a compaixón da sociedade.

Algo non funciona cando as cacerías de seres humanos entran con naturalidade no día a día dun suposto Estado moderno. Algo non funciona cando a clase traballadora resiste e son os altos estamentos os que fan as folgas. Algo non funciona cando a parte superior da pirámide do sistema aproveita un escenario tan violento para apertar un pouco máis a corda no pescozo da base piramidal.

Comentarios non permitidos para este Post

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis