CONTINÚA A RESISTENCIA CONTRA A BRILAT EN PONTEVEDRA
A delincuencia prepotente e criminal do Exército Español e a pasividade cómplice e covarde das administracións local e autonómica só xera xenreira e máis reacción contra unha intolerábel usurpación de terras. Os veciños de Salcedo seguen en pé contra os traballos do asentamento da Brilat en Figueirido que pretenden o aumento do dominio militar roubando mesmo propiedades cunha impunidade propia das Ditaduras militares doutros séculos. Na mañá do sábado, un cento de veciños accederon aos traballos que está realizando a banda armada en Muimenta e paralizaron os movementos de terras que se están a facer para recrear unha aldea afgá e simular escenarios bélicos. Teñen xa anunciada unha grande mobilización para finais do vindeiro mes.
Deste xeito, os soldadiños han seguir tendo dificultades para ter o seu campo de xogo nas propiedades duns veciños agredidos nos seus dereitos e insultados na súa propia casa. Malia que durante a acción de onte non se rexistraron incidentes graves, os veciños si tiveron que enfrontarse verbalmente aos ocupadores alleos.
Pretenden ir un pouco alén nas súas prácticas colonialistas e recrear unha paraxe tan impropia neste País como pode ser unha zona en conflito bélico. Practican así as súas actuacións en territorios ocupados como Afganistán, neste caso. A oposición veciñal firme e decidida é unha boa nova para combater a prepotencia militar.


Chúzao
del.icio.us
