Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

# Augas Ceives

pola nosa lingua_en pé

12/04/2009 GMT -5

O PANFLETO DE ARTEIXO

augasceives @ 17:33

Artigo de Sabela Ferreirós sobre a mediocridade dun dos elementos máis antigalegos que padecemos en Galiza.

 

Caíu por casualidade nas miñas mans o pseudoxornal do que, á vista do intitulado deste artigo, non é preciso citar o nome. Desempeñando a función dos grandes medios de hoxe, asumindo o papel que se lles asigna ás terminais propagandísticas no mantemento do establecido xoga a ser poderoso e demóstrao coa impunidade que lles é propia para poder publicar todo tipo de manipulacións. Vén de demostralo na pasada campaña das eleccións galegas, influíndo de xeito determinante na percepción dunha realidade por parte dunha masa de lectores que fan parte das ridículas campañas de intoxicación que lanzan. É loxicamente moi pouco democrático que un grupo de comunicación consiga reducir unhas eleccións a elixir a marca do coche no que viaxará o Presidente da Xunta. Sáibase disimular a esaxerada comparanza, mais enténdase o que se quere dicir.

Representa o paradigma de galego renegado, vergoñento de si mesmo e incapaz de amosarse orgulloso do que como parte dun pobo ten de seu. Aquel que se autoridiculiza á procura dun xesto do que vén da Meseta. É ofensivo que presuma de estar á beira dos intereses do País, cando escribe con tanta distancia como se se tratara dun medio de fóra. É moi habitual ler crónicas sobre a nosa realidade nas que se albisca un descoñecemento enorme que provén da distancia existente entre quen fala e sobre o que se fala, mais é insultante que iso se dea en medios ou en xornalistas da Terra que beben das envelenadas teorías dos que dende lonxe queren impor aquí teses alleas.

Á súa habitual ración de “chapuzas gallegas” hai que engadirlle unha maldade masoquista cando escriben sobre segundo que asuntos, ou as enquisas con ansias de abrir debates sociais que se quedan en mostrario de comentarios da distinta fauna participante. A fixación enfermiza que demostran cando se refiren a todo o que soa a nacionalismo raia as mañas dos tempos de Urdaci. Estes días teñen para despacharse a gusto coas liortas internas do BNG, partido que foi obxectivo prioritario e cuxa xestión no goberno foi cuestión prioritaria a derrubar para o xornal. Unha vez enchidos os petos co millón de euros en concepto de subvencións (entre outras polo suposto uso do galego …unha provocación!) abriron a veda contra o Bloque e aínda non remataron. É obsceno o trato e o desprezo que agroma de entre as liñas enzoufadas de mentiras e manipulacións, unha tentativa prepotente de ridiculizar a todo canto afecta á actualidade dese partido. Porque a súa liña editorial non se adscribe ferreamente a un partido, non se pode dicir que falen por boca do PP nin do PSOE. Son a voz do españolismo máis rancio, mesmo chegando a caer na desesperada situación de servir de plataforma á nova referencia do franquismo en España: UPyD. Con sinaturas que aspiran a facerse un oco entre os creadores de opinión a soldo de Madrid, pódense ler acotío algunhas adaptacións das falacias que dende a súa benquerida capital espallan co ventilador dos malos cheiros. En permanente acoso e derribo contra todo o tocante a nacionalismo galego, seguirán vía libre mentres o modelo moderado de novo BNG siga alimentando os criterios de achegamento aos valores que representan as follas deste xornal a base de inxentes subvencións públicas. Así lle devolveron o favor.

Comentarios non permitidos para este Post

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis