Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

# Augas Ceives

pola nosa lingua_en pé

14/04/2009 GMT -5

AVIVAR O CONFLITO

augasceives @ 04:56

Artigo de Alberte Outeiro arredor da situación política e social en Euskal Herría, tendo en conta os últimos acontecementos referidos ao pacto entre o PP e o PSOE e o comunicado de ETA da pasada fin de semana.

 

O aparello mediático do españolismo encárgase de proxectar o conflito vasco ditándonos as directrices que debemos seguir e os indiscutíbeis dogmas que ninguén pode pór en dúbida, expoñéndose a ser cualificado como terrorista ou afín no menor dos casos. Posto que rexeitamos plenamente os ditados oficialistas, contemplamos alleos o conflito vasco situándonos nunha estrita equidistancia entre as partes, entendendo como tales ao sistema represor e criminal do Estado por unha banda e aos partidarios da loita armada en Euskal Herria pola outra.

É indiscutíbel que a vida social naquel País está moi lonxe de poder ser considerada como normal, o clima político non está normalizado e a violación de dereitos e liberdades é unha constante. A banda ETA sementa medo e violencia física, entendidos estes como ameazas e atentados con vítimas mortais. Os asasinatos desapareceron da estratexia españolista canda o GAL, pero as armas seguen a ser compoñente fundamental nas chamadas “forzas da orde”. A escolta persoal segue a ser precisa entre os piares políticos do mandato centralista debida á condición de ameazados ou posíbeis obxectivos, así como a condición de abertzale é motivo de prisión para milleiros de activistas políticos alleos calquera forma de loita armada. Os presos políticos vascos seguen a encher cárceres espalladas por toda a xeografía do Reino borbónico e o delito que os mantén nelas é estritamente ideolóxico en moitos casos, cando non falamos da ausencia de xuízo e outras garantías democráticas. A presión españolista decidir acoutar a súa xa mutilada democracia retrocedendo varias décadas no tempo e non tivo reparo en ilegalizar as opcións políticas abertzales herdeiras de Batasuna. Sálvase da queima Aralar, que acepta a condición de condenar expresamente os atentados a cambio de levar a súa política ás institucións. Cómpre dicir que só son condenábeis aqueles atentados aos que se lles pode tirar rédito político, non outros nos que se violan dereitos humanos baixo calquera pretexto agás o da política vasca.

Logo do que buscaba ser unha presentación do panorama visto dende unha nación na que se pretende proxectar interesadamente aquela realidade, para tirar rédito político loxicamente, iremos agora á descrición obxectiva do que queriamos plasmar neste artigo. As eleccións do pasado 1 de marzo arroxaron un resultado que provocou o maior fraude político que se lembra por aquelas (e tamén por estas) terras. A ofensa do bipartito españolista elevouse até cotas inimaxinábeis para facerse co poder, prostituíndo os seus respectivos discursos e atacando de fronte á vontade popular. A conformación dun goberno entre o PSOE e o PP é un desafío prepotente  e irresponsábel aos que sentan na outra cabeceira da mesa. A superación das cotas de represión política e xudicial supera todos os límites e encárase de fronte cos partidarios da loita armada, desafiándoos sen ter en conta os posíbeis efectos. O antinatural pacto que vai rexer o Goberno da C.A.V. é unha provocación que afasta toda posibilidade de escoitar a un pobo que maioritariamente (incluíndo á meirande parte de votantes do propio PSOE, así como aos excluídos aos que non se lles permitiu elixir) rexeita a fronte que se constitúe coa única ansia do poder.

Con motivo do Aberri Eguna, Euskadi Ta Askatasuna emitiu un comunicado no que ameaza directamente ao novo goberno vasco e pon no seu punto de mira ao lehendakari López. Isto non é máis ca unha radicalización das posicións, ETA predica a posibilidade de levar ao extremo a súa estratexia asasina logo de que os máximos de opresión política (inclúase aquí tamén as continuas detencións de civís sen relación coa loita armada) se quedaran hai tempo curtos. Todo fai indicar que se aproximan tempos duros por aqueles lares. A irresponsabilidade duns e doutros converte en potenciais vítimas (e non só mortais) a un amplísimo abano de cidadáns absolutamente alleos aos intereses das respectivas cúpulas de ámbolos dous extremos. Dende concelleiros de pequenos pobos até mozos activistas de calquera asociación ou mesmo un simple asinante dun manifesto político, pasando por altos cargos do goberno vasco ou promotores/as de novas alternativas políticas ao acubillo da difusa liberdade.

Comentarios non permitidos para este Post

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis