RESPOSTA TRABALLADORA Á CRISE CAPITALISTA
Milleiros de traballadores e traballadoras saíron ás rúas esta sexta para conmemorar o Día Internacional da Clase Traballadora, nunha data que sempre é de referencia pero que este ano adquire outra dimensión debido ao abafamento que a crise capitalista provoca. En Galiza producíronse mobilizacións nas principais cidades do País sendo as convocadas pola CIG as máis concorridas e rexistrando o acto central de Vigo unha moi notábel participación. A central nacionalista levou consigo a aposta pola mudanza do modelo social, rexeitando un capitalismo fracasado que quere refundarse para seguir cometendo os mesmo excesos que nos deixaron nesta situación. O que si estivo xa abertamente nas bocas tamén dos dirixentes dos sindicatos estatais foi a posibilidade dunha folga xeral se o Goberno do Estado cede ás presións da dereita e do empresariado.
Non é nova esta esixencia para os traballadores e traballadoras que están a padecer xa dende hai meses as consecuencias da crise, en forma de despedimentos, EREs, Lei Concursal e outras armas legais que os empresarios teñen ao seu dispor. Aledámonos que esta necesidade comece a chegar aos despachos máis altos de CCOO e UGT. Porén a súa aposta non contempla nada que non estea agora xa inserido no actual modelo fracasado, así o entendemos ao escoitar as verbas do Secretario Xeral de UGT en Galiza: “É a hora das políticas públicas con maiúscula, estas deben dar a talla na actual situación: hai que investir en infraestruturas, vivenda protexida e rehabilitación”. Sendo isto posíbel e necesario, cremos que a solución pasa por medidas que afecten máis á estrutura que ás posibilidades que agora existen.
A excesiva prudencia e mesmo o inmobilismo que se albisca nos sindicatos do sistema plásmase na resposta social que reciben, sensibelmente menor á que apoia as teses máis decididas do sindicalismo nacionalista. Demóstrase que xa non valen as dúbidas diante dunha situación gravísima e a unidade sindical e o diálogo social recontan menos apoio que a determinación que demostra a CIG, cando menos nas verbas do seu Secretario Xeral: “Dende a CIG continuamos mantendo a necesidade dun cambio de modelo que pasaría por adoptar medidas na liña da nacionalización da banca e o sector enerxético, un sistema fiscal progresivo, a supresión dos paraísos fiscais, o apoio decidido aos sectores básicos da economía galega, máis investimento público e social, etc. (…)Os cambios non van vir dados polas forzas políticas e económicas ás que lle foi moi ben co modelo neoliberal, os cambios teñen que ser conquistados”. Nas mobilizacións da CIG non faltaron as referencias en cada comarca aos principais conflitos laborais que se dan a nivel local, que en realidade teñen o eixo común característico sobre o que vén xirando esta crise.
Mais o compromiso social non se pode restrinxir unicamente á situación laboral, pois Galiza con atoparse loxicamente baixo o mesmo xugo ca o resto de pobos do mundo arestora tamén se enfronta a dificultades propias. Unha das máis importantes é a ofensiva españolista contra o noso idioma, e velaí atopamos outra diferenza entre o os do “diálogo social” e a CIG. Para os e as que hoxe saíron á rúa, a vindeira cita será (para algúns xa antes) o 17 de maio en Compostela na defensa da Nosa Lingua, e non faltaron referencias a esta data nin ao avanzo do acoso españolista contra o galego. Noutras manifestacións este non é un tema prioritario, velaquí outra explicación de porque en Galiza os dous sindicatos estatais collidos da man xeran menos mobilización ca o sindicalismo propio.


Chúzao
del.icio.us
