A CRISE GLOBAL E A SÚA PRESENTACIÓN Á SOCIEDADE
Artigo de Alberte Outeiro no que afonda sobre o tratamento mediático do que deron en chamar "gripe nova", seica pandemia que ameaza á especie humana.
Son os efectos da globalización. A alerta mundial fronte ao inimigo descoñecido que ameaza a supervivencia dunha Humanidade convencida da súa invulnerabilidade. Capaz de artellar formas impensábeis de morte e sufrimento pero ineficaz fronte a ameazas que non se disparan cun fusil, diante dos cales se compite en valentía dende un avión de guerra que pode facer desaparecer cidades enteiras con só premer un botón. O inxente gasto militar mundial e os desorbitados beneficios do tráfico de armamento deixan ao investimento en investigación nunha anécdota do tamaño dun microbio. O primeiro mundo, en crise, presumía de ter superado o perigo que representa unha simple gripe, aínda devastadora en pobos do que chaman Terceiro Mundo.
Agora a sicose espállase polo mundo enteiro a velocidade de banda ancha. O virus gripal partiu de América para conquistar o mundo e poñelo debaixo dos pés do seu imperio. As novas ciencias da
comunicación e da imaxe vetaron un bautizo con referencias á “americanidade” na súa nomenclatura, polo que o principal traballo da OMS nos últimos días foi atopar un nome “apropiado” e que non danara ningún interese. Non queda nada xa da gripe porcina, pasou tamén a gripe AH1N1, agora falan da gripe nova… A importancia de cómo se vende o produto, aínda que sexa unha pandemia que seica ameaza á Humanidade.
Eses efectos colaterais do publicitario forman parte xa do espectáculo mediático no que se converteu o pé que faltaba da crise, a crise sanitaria. Instauraron a necesidade na poboación de lucir máscara (preferentemente azul) sen saber moi ben porque, sen saber moi ben se é un medio para evitar o contaxio. Espallaron polo mundo a imaxe da xente con ese pano azul na boca e converteron en nova de todas as primeiras calquera caso de sintomatoloxía gripal. Sentíronse fortes e donos das conciencias escribindo titulares grandiosos e de alta sonoridade, cos que ameazan á poboación sementando o medo e o pánico nun mundo xa atemorizado pola crise. Unha crise global que moitos medios están aproveitando para sentírense donos dun mundo que se ve pequeno diante dun inimigo que non se ve.


Chúzao
del.icio.us