Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

# Augas Ceives

pola nosa lingua_en pé

12/05/2009 GMT -3

VERMES

augasceives @ 14:55

Xa nas vésperas do Días das Letras 2009, que como xa dixemos ha ter especial importancia este ano coa manifestación nacional de Compostela (ás doce na Alameda), Alberte Outeiro escribe este artigo no que se refire á opinión vertida esta pasada fin de semana nun 'subvencionado' de Arteixo.

A crise bota as súas redes e amarra todo o que nelas queda. Á evidencia da situación económica e social que vivimos hai que engadir o que podemos cualificar como “crise do inmaterial”. O noso signo de identidade máis importante, o que nos distingue como pobo diferenciado e o que máis claramente nos define como Nación (con maiúsculas) é a lingua. O noso idioma é obxecto dunha outra violenta ofensiva por parte non só de intereses externos e pensados dende fóra senón tamén por parte de factores internos absolutamente desprezábeis, individuos e colectivos recheos de autoodio e acomplexados. Como un verme que por dentro fai podrecer unha mazá, así son os que falan de liberdade no eido lingüístico para covardemente agocharse detrás dela desexando o establecemento do castelán como lingua superior de facto.

A súa covardía impídelles predicar abertamente o seu discurso, porque xa non estaría revestido da demagoxia e da amabilidade pseudoinocente coa que engalanan todo. Non son quen de recoñecer abertamente que desexarían a desaparición total da vida pública do idioma propio de Galiza en prol da implantación absoluta da lingua castelá. Gustarían dunha administración pública totalmente en castelán e que o galego ficara reducido ao ámbito privado, detestan a presenza da nosa lingua no ensino público e irrítanse especialmente cando escoitan a un cativo falar en galego.

Son individuos cunha sorprendente querenza por deixárense engulir pola colonización cultural, acéptana e promóvena en si mesmos insistindo en espallala e facernos a todos partícipes da uniformización lingüística. Gozan dunha notábel presenza pública dende a que poden aproveitarse para facer resoar os ecos das súas falsidades, moitos deles dende tribunas de opinión en medios de comunicación de grande difusión. Estes son o complemento ideal e actúan de altofalantes das entidades que xiran en torno ao PP en Galiza, minoritarias pero cun pozo inesgotábel de financiamento descoñecido que lles permite vivir da publicidade que xeran. Moldean as súas falacias e insírenas na sociedade, conseguindo entre os sectores máis permeábeis que quede pouso das súas mentiras.

Este domingo podiamos ler nun espazo preferente de opinión dun medio publicitario radicado en Arteixo un infame artigo asinado por unha cara coñecida do panorama opinador en Galiza. Unha pluma indecente que xoga a imitar aos grandes mestres da manipulación madrileña créndose creador de opinión e dirixente de conciencias, xestor de vontades. Atacaba o programa escolar Correlingua, unha iniciativa que se desenvolve cada ano nas vésperas do 17 de maio e que nunca antes levantara as iras do españolismo máis férreo que parece reaxir este ano. Aquelas desprezábeis liñas lixadas de indecencia advertían á sociedade de que as organizacións nacionalistas (nomeadamente BNG, CIG e A Mesa) estaban a secuestrar as conciencias dos cativos (naturalmente castelanfalantes) situándoos baixo as súas teses. Tal nivel de xenreira contra o propio é dificilmente comprensíbel nunha sociedade tan avanzada como da que presumen.

Do que o individuo este non se atreve a falar é do escándalo maiúsculo do que se aproveitou o seu “xornal” cando o ano pasado de bo grao aceptou o millón de euros en concepto de subvención de Política Lingüística do Bipartito. Cómpre lembrar que o suxeito ao que nos referimos simpatiza cos preceptos do neofascismo español de UPyD e que incluso o seu fora un dos nomes cos que se especulara para conformar as listas ao Parlamento Galego das pasadas eleccións.

Teñen que saber que só son pequenas fochancas nun xa moi longo camiño e que non van ser quen de lograr o que durante centos de anos veñen procurando os seus antecesores. Nin con todo o poder militar nin publicitario do que gozou a Ditadura Franquista foron capaces de desposuírnos da nosa lingua. E non van ser tampouco estes agora.

Comentarios non permitidos para este Post

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis