MOLLADURA DE DIGNIDADE
Unha enxurrada de linguas libres percorreron hoxe as rúas de Compostela. Unha masa enchoupada pola choiva compostelá e pola dignidade chegada dende todas as comarcas da xeografía nacional portadora de bandeiras, faixas e cánticos diversos pero cunha determinación común e inquebrantábel: nin un paso atrás na defensa do idioma. Foi a resposta da sociedade civil galega á ofensiva españolista e ao desafío do goberno de Feijóo coa súa chegada ao poder. Foi, sen dúbida, a maior manifestación que se lembra coa defensa da lingua como eixo da mesma. Foi un berro claro e unánime avisando de que non se consentirá ningunha escusa para deter o proceso de normalización. Lembrou, pola inmensidade, pola chuvia, polos paraugas e máis pola importancia de asistir a aquela do 1 de Decembro de 2002 na que o pobo galego se puxo en pé contra uns gobernantes nefastos e ruíns que aldraxaban a nosa terra co seu comportamento e a súa indecencia.
Ninguén se atreve a falar claramente de cifras de asistencia. A organización falaba de “non
menos de cincuenta mil persoas”; algún voceiro mediático do españolismo antigalego escribe “cerca de vinte mil”… Con prudencia pero significativa a cifra que apuntan pois hai que ter en conta que a realidade nestes casos adoita multiplicar por dous ou tres os seus números. Quizais o mellor xeito de contabilizar sería explicar o acontecido: chegada a cabeceira á Praza da Quintana non saíra aínda da Alameda a parte traseira da manifestación. Os atoamentos eran de máis dun quilómetro nas peaxes da autoestrada que dan acceso á Capital. Quizais só as pedras molladas das rúas da zona vella compostelá poidan dicir cantos pés as percorreron hoxe.
Fronte aos renegados, fronte ao autoodio, fronte aos acomplexados e fronte aos autobuses que chegados de fóra carrexaban monicreques para participar nunha farsa que atentaba contra o noso principal signo de identidade: a nosa lingua. Fronte a todo iso e contra as inclemencias climatolóxicas, o pobo galego ergueuse e demostrou que non ha ceder dereitos adquiridos en materia lingüística e que ademais, ha seguir pelexando por poder exercelos. E todo, malia a choiva, en aire de festa ao son das gaitas. Un pobo disposto a vivir na súa lingua.
Persoeiros do mundo da cultura, da literatura e da sociedade galega, ademais de dirixentes do BNG, víronse entre os manifestantes. Non estaban os defensores da “liberdade” de elección, non estaban os “galeguistas” do PP, nin os do PSOE, non estaban nin se agardaba por eles. Estaba o pobo, estaba a Galiza consciente, máis consciente ca nunca. Hoxe deuse unha demostración de forza, de firmeza, de contundencia e de determinación. Hoxe podemos dárnolos parabéns e festexar a viveza e o futuro da nosa lingua. Hoxe algúns e algunhas deberían de estar inquedas e preocupadas pola resposta da sociedade galega, pola contestación ás súas falacias e ás súas deplorábeis intencións. Á vista do de hoxe, aínda que non recoñeceran a realidade nin se darán por aludidos, uns terían que repensar as súas intencións á fronte da Xunta e outros revisar as súas teses e desaparecer definitivamente como colectivo agresor da lingua galega. Non poden derrogar o Decreto do Ensino e deberían garantir a súa aplicación, non deben insistir no seu desafío de “castelanizar” o Parlamento e non teñen que insistir no baleirado de contido das Galescolas. Como hoxe se berrou na Praza da Quintana, “conselleiros ás Galescolas!!”


Chúzao
del.icio.us
