Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

# Augas Ceives

pola nosa lingua_en pé

21/05/2009 GMT -1

A LEI DE PARTIDOS NON ILEGALIZA AOS FASCISTAS

augasceives @ 16:51

A mesma Lei de Partidos que se invoca para moldear a participación democrática nas eleccións no Estado Español non se emprega noutras ocasións que responden sobradamente aos argumentos teóricos que sosteñen a citada lei. Estamos afeitos a escoitar falar de ‘apoloxía do terrorismo’, ‘inxurias á Coroa’ e outros delitos que tipifican como tales e polos que se condena ou ilegaliza a organizacións de esquerda e/ou antisistema. Porén, nunca se acusa destes feitos nin se lles prohiben manifestacións aos redutos nazis que fican polas rúas. A última vergoñenta argallada do Goberno español é a ilegalización de Iniciativa Internacionalista – Solidariedade dos pobos non permitíndolles, a falta de coñecer a resolución definitiva do recurso, participar nas eleccións ao Parlamento Europeo do vindeiro mes. Quen si van estar neses comicios son formacións de extrema dereita que louban o asasinato do mozo antifascista Carlos Palomino nunha estación de metro de Madrid en novembro de 2007.

 

Por medio dun artigo publicado nun foro de internet aloxado en espazos da extrema dereita, un indesexábel e repugnante fascista con cargo dirixente nalgunha das súas noxentas entidades enzoufa impunemente a memoria do rapaz asasinado e da suposta democracia española. Trátase dun tal José Luis del Corral, seica xefe do Movimiento Católico Español e da Acción Juvenil Española, as dúas organizacións perfectamente legais dentro do sistema democrático español.

Os desprezábeis e falsos argumentos que emprega para defender ao militar español que matou dunha navallada a Carlos Palomino non son merecentes, polo momento, de que a Fiscalía nin a Avogacía do Estado actúe de oficio para acusalo de apoloxía do terrorismo nin vencellalo con banda armada ningunha. “Como Josué sabe que la mejor defensa es un buen ataque y que no puede esperar otro segundo más, se acerca al Pollo y le toca (…) Entonces, Josué usa el puñal con rapidez, y con energía y fuerza agarra al 'Pollo' y lo empuja fuera del vagón, con sólo su brazo izquierdo y a contra cuerpo”. Velaí a descrición do asasinato en boca dos seus defensores. Di tamén que “estamos ante un acto en defensa propia, frente a unos agresores de la calaña que los hacía especialmente peligrosos”. Estas e outras afirmacións son perfectamente compatíbeis coa “democracia” española. Son os mesmos que sosteñen partidos de ultradereita que tranquilamente poden concorrer a todo tipo de eleccións que se celebran en España. Unha vez máis, esta ficticia democracia evidénciase por si mesma cos seus propios feitos.

Comentarios non permitidos para este Post

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis