BILINGÜÍSMO DUNHA SOA LINGUA
Artigo de Alberte Outeiro no que escribe sobre a nova ocorrencia do Goberno da Xunta de suprimir a esixencia de coñecer o galego para converterse en empregado público.
Aínda fachendosos polo vivido o 17 de maio en Compostela, onde este pobo fixo as máis notábeis demostracións públicas de forza colectiva ao longo da súa Historia, a pasada semana un novo golpe facíanos volver axiña á realidade. O novo goberno non está disposto a dar nin un só paso atrás nas súas pretensións de decidido exterminio da lingua galega. Estes, como tantos outros cualificativos semellan en ocasións esaxerados, pero a magnitude do desafío é merecente de alertas ben vermellas. A pasada semana, quen sabe se como resposta á manifestación do Día das Letras, a Dirección Xeral da Función Pública convocaba de xeito extraordinario a Mesa de Negociación de Empregados Públicos. Só un motivo, pero letal: a modificación (supresión) do artigo 35 da Lei da Función Pública Galega.
Este artigo é o que esixe que nas oposicións sexa obrigado demostrar o coñecemento do noso idioma para ser funcionario ou funcionaria. Este artigo é o responsábel legal de que na Administración Pública, no Ensino, na Sanidade ou na Xustiza poidamos ser atendidos ou atendidas en galego. Aínda que a práctica sexa ben distinta. Velaí unha nova aposta do Goberno de Feijóo no camiño que decidiu emprender contra o noso idioma. É tal a súa xenreira que raia o ilegal, pois é intención do PP aplicar a nova norma con efecto retroactivo (afectando xa aos procesos que están en marcha) e prexudicando claramente así aos matriculados e matriculadas por vérselles modificadas as condicións iniciais.
Os tres sindicatos maioritarios en Galiza (CIG, CCOO e UGT) expresaron o seu total rexeitamento a esta medida abandonando 13 dos 15 membros a devandita Mesa. Facer desaparecer a esixencia de coñecer o galego para converterse en empregado do sector público é unha mostra de autoodio sen precedentes no Goberno dun País do noso tempo. É un ataque suicida, infame, fundamentalista e sen saída posíbel o que este PP de Feijóo comezou contra o principal signo que nos identifica no mundo. Alguén concibe que a situación anormal que pretenden para a Galiza se podería dar noutro pobo do mundo? Alguén concibe que en Castela un funcionario puidera non coñecer o castelán? Viólase o dereito a sermos atendidos na nosa lingua diante dun despacho da Administración. Alguén concibe que vindeiras xeracións de mozos e mozas poidan saír do ensino obrigatorio sen coñecer a súa propia lingua? Liquidar a lingua nas linguas do futuro e suprimila da administración pública é tanto como afogala, esganala. Arrincarlle os espazos de supervivencia e facela retroceder varios séculos.


Chúzao
del.icio.us
