Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

CausaGaliza

28/05/2009 GMT -1

O NOVO GOBERNO ESTÁ DECIDIDO A DERRUBALO TODO

augasceives @ 15:34

Confirmouse. Xa o dixera Beiras, “a nova Xunta é unha compañía de demolicións”. E á vista dos non moitos avances do Goberno Bipartito, é doado deducir que Feijóo estase xa excedendo e comeza a atentar mesmo contra herdanzas do fraguismo. Un claro exemplo é a materia lingüística, na que está incorrendo en retrocesos históricos propios dun autoodio e dunha irresponsabilidade incalculábel. Hoxe o Consello da Xunta deu un paso máis cara o exterminio do galego, buscando esa morte lenta e doce que lle agoira o seu “bilingüísmo cordial e amábel”. Non será preciso coñecer o idioma para ser funcionario público, poderase facer o exame en castelán e posteriormente deberase “acreditar” o coñecemento do galego… Feijóo supera o imaxinábel en canto mesquindade.

 

Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento”. Dío o Estatuto de Galiza. Incumpre pois o PP esta, entre outras leis. A galegofobia que demostra este Goberno atinxe niveis descoñecidos até agora, que non se viran nin en tempos de Fraga. Porque Feijóo remóntase á Idade Media, cando o funcionariado do País foi substituído por xentes alleas que descoñecían a lingua e a desprazaron do uso na Administración. Isto pode supor unha violación do noso dereito a sermos atendidos en galego na administración pública, algo que nin agora está garantido xa e que se agravará cando calquera poida, independentemente dos idiomas que coñeza, converterse en empregado público en Galiza.

Pretenden relegar o uso do galego aos espazos nos que sobrevivía durante o Franquismo: o ámbito privado, o rural, facelo patrimonio inmaterial en perigo de extinción, peza de museo… E todo detrás da faixa da liberdade, da protección e do amor pola lingua. Avanzan cara a eliminación do galego no ensino, desactivan a obrigatoriedade de coñecelo na administración pública. Cunha xa moi limitada vida no campo xudicial, no da sanidade, no dos medios e noutros de grande importancia cotiá, buscan agora aniquilalo do futuro (roubárllelo ás vindeiras xeracións, que hoxe están nos colexios, nas Galescolas).

Pero non se limita ao ámbito lingüístico a acción esnaquizadora do novo Goberno de Feijóo, as súas ansias de facer ver que son eles quen agora dirixen este País son tales que chega mesmo a extremos surrealistas. Bota abaixo as tímidas medidas que restrinxían o espolio ambiental, que coutaban a "barra libre" dos construtores (agora en decadencia) e proxectan a negación dos avanzos en materia deportiva, por citar só algúns. Quizais o máis delirante foi desbotar o logotipo do Xacobeo 2010 que a anterior Consellaría de Industria e Turismo estreara (e que valera 200.000 euros) e co que xa tiña identificados todos os espazos, albergues, instalacións e demais material relacionado coa promoción da conmemoración turístico-relixiosa. Decidiron recuperar o do ano 2004, que xa tiña desaparecido como símbolo identificativo do evento. Realmente inexplicábel.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis