ELECCIÓNS AO PARLAMENTO EUROPEO: OS DE SEMPRE E ALGO MÁIS
O vindeiro domingo celébranse as Eleccións ao Parlamento Europeo. As previsións indican unha elevada cota de abstención contra a que loitan ‘os europeístas’ convencidos, empezando polos propios candidatos. Tratan de procurar respostas a porque estas votacións xeran tan escaso interese e argumentan razóns de descoñecemento da poboación da importancia do P. E. e deficiencias na comunicación das mensaxes. O certo é que existe unha grande inconsciencia de que o Parlamento Europeo é hoxe culpábel de moitas cousas, se falamos de Galiza case ningunha boa… Tan só as inxentes subvencións que encheron os petos dos que as “distribuíron” entre amigos e parentes. Mais non menos certo é que, ouvindo o que se oe, pouco semella importarlle aos partidos que se presentan máis ca o número total de votos para extrapolar resultados. Analizaranse, como todas, en clave de éxito ou fracaso, aínda que ninguén recoñecerá ter perdido.
O feito de que o Estado Español conforme unha circunscrición única, algo que non acontece con cada unha dos territorios cando se trata de escoller Parlamento propio ou estatal, fai proliferar as alianzas entre distintas formacións a fin de colleitar representación en Bruxelas. En Galiza temos o exemplo máis chamativo no BNG, que da alianza Galeuscat (cos dereitistas PNV e CiU) de hai catro anos pasou a concorrer este na Europa dos Pobos (cos independentistas de ERC ou Aralar): todo sexa pola rédito electoral, a quen lle importan as ideas?
O BNG autoinsertado xa irremediabelmente no ‘sistema’, é vítima do bipartidismo feroz que o afoga e o deixa case sen espazo. O que hai uns anos combatía, hoxe enguliuno e tan só é unha migalla máis no bandullo dese grande monstro chamado españolismo (PP e PSOE). E todo iso a pesares de insistir a mensaxe do Bloque no máis importante, obter representación parlamentar. Un renovado en nomes e caras que están tendo a primeira oportunidade para demostrar a súa
cativa valía; Guillerme Vázquez é unha caste de desideoloxizado ao estilo Quintana pero que nin tan sequera alza a voz e que en ton monocorde aburre ás ovellas co seu falar, e a candidata Ana Miranda está vendo que unha boa política non só a fai o coñecemento, senón a maña á hora de expresalo.
Nada novo entre o españolismo. PP e PSOE (coidamos que este pode ser o enterro definitivo de Izquierda Unida…) seguen ás voltas centrados no seu único obxectivo sexan cales sexan as eleccións ás que se presentan: conquerir a Presidencia do Goberno Español. O PSOE enfróntase ao veredicto dos votantes atemorizado pola situación actual e optando por atacar non só ao PP, senón a toda a dereita culpabilizándoa da creba do sistema capitalista, tal que se ‘os socialistas’ estiveran afastados desas medidas neoliberais que seica nunca apoiaron… O Partido Popular confía na ‘reconquista’ que seica comezou en Galiza o pasado marzo e conta coa vantaxe de poder volver a acumular os votos da dereita ao non estar ‘o partido de Rosa Díez’, que coa súa aposta máis ultradereitista aínda vén apañándolle votos descontentos co nefasto Rajoy. Todo isto cando unha vez máis se redobra a ofensiva da dereita española: monolingüísmo castelán e non ao aborto, co arrepiante Mayor Oreja como máximo expoñente.


Chúzao
del.icio.us
