Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

# Augas Ceives

pola nosa lingua_en pé

02/06/2009 GMT -1

ELECCIÓNS AO PARLAMENTO EUROPEO: OS DE SEMPRE E ALGO MÁIS (II)

augasceives @ 17:20

O vindeiro domingo celébranse as Eleccións ao Parlamento Europeo. As previsións indican unha elevada cota de abstención contra a que loitan ‘os europeístas’ convencidos, empezando polos propios candidatos. Tratan de procurar respostas a porque estas votacións xeran tan escaso interese …

A grande nova que precedeu a campaña electoral en todo o Estado foi a aparición dunha candidatura que, primeiro foi posta no branco da Lei de Partidos mais que finalmente vai poder estar presente. Iniciativa Internacionalista – A solidariedade entre os pobos constitúe unha agrupación de representantes de todos os territorios do Estado Español que pretenden levar a bandeira do socialismo e da alternativa anticapitalista ao galiñeiro ultraliberal no que cacarexan os galos máis fortes, apertando cada día un pouco máis o xugo que impide o dereito de autodeterminación dos pobos do vello continente.

 

O boicot mediático está sendo maiúsculo, como era de agardar. Tan só se referiron as grandes terminais propagandísticas españolas á candidatura que encabeza Alfonso Sastre cando o líder abertzale Arnaldo Otegui a apoiou publicamente. O sensacionalismo atopou aquí unha fonte de audiencia que tentou aproveitar, mais tampouco se pararon moito pois non era asunto do que poder sacar moito máis. Isto non quere dicir que o traballo das persoas que por toda a xeografía estatal apoian a candidatura non estea a ser excelente, facendo campaña case na clandestinidade.

No tocante a Galiza o referente é Xosé Luís Méndez Ferrín, que ocupa o sexto lugar. II-SP está a sumar o apoio público de pódese dicir que a totalidade do independentismo galego, amosándose en favor desta opción a maré de siglas e colectivos que conforman o movemento social en Galiza e están ceibes de ataduras a outro “voto obrigado”… Aínda está pendente aquí tamén unha necesaria renovación de caras e nomes dirixentes, electoralmente fracasados polo visto tantas veces (a última, o 1 de marzo) pero que non falan de asumir unhas responsabilidades que si lle reclaman a outros. Non son poucos os que pensan que o verdadeiro problema do independentismo galego non é o que se di, senón quen e como o di. Noutras verbas: non hai división nas bases, son as “elites” as que están coutando a posibilidade de avanzar.

Pode ser a primeira vez que o independentismo galego vote unido, mais non será unha referencia a ter en conta se quixeramos ter unha valoración da potencia electoral da hipotética “candidatura unitaria” que xa soa a utópica e á que tantas veces nos temos referido. A grande influencia que ha ter a abstención de seguro ha afectar tamén e non votará a totalidade dos posíbeis apoios que o soberanismo galego puidera obter se houbera que buscar a presenza no Hórreo. Malia ver curiosos feitos como o apoio expreso de formacións como Nós-UP a unha candidatura na que figura o que recibiu as máis duras críticas dunha campaña máis ca discutíbel na limpeza. Apoia realmente Nós-UP a candidatura de Ferrín malia quedar fóra dela ou o que pasa é que non gusta de ficar á marxe doutros colectivos cos que ten boa relación como Batasuna ou Maulets…? Sexa como for, aledámonos da unidade arredor de Iniciativa Internacionalista de cara a estas eleccións. Adiante!

Comentarios non permitidos para este Post

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis