AS PELOTAS DE GOMA NON DETEÑEN A DIGNIDADE OBREIRA
As pelotas de goma e a represión policial non amedrentan aos traballadores en loita. Onte e hoxe (quinto e sexto día de folga) reproducíronse as imaxes que se viran días atrás nas que o conflito laboral adquiría forma de guerrilla urbana: lume, barricadas, disturbios, disparos, pedradas, carreiras, agochos detrás dos coches, feridos… a posta en escena lembra moito á invasión televisada do Exército dos EUA en Bagdad. A calquera guerra na que a forza invasora loita a pé de rúa coa resistencia polo control dunha cidade, cos seus sitios estratéxicos e demais ingredientes propios. Mais a diferenza é que isto é unha folga, na que os traballadores reclaman que a patronal deixe de bloquear a negociación dun convenio digno e atopan nas rúas da súa cidade a resposta violenta dunhas forzas de ocupación que sementan violencia.
Hai que insistir en que a imaxe de caos que se xera só beneficia á patronal, que valéndose da distorsión dos medios enfoca un conflito no que non loitan e no que de cara á sociedade só os traballadores fican mal parados. O empresariado manda aos seus propios piquetes ás rúas e van equipados con armamento. Dende os cómodos despachos moven os fíos orientando, sempre en perfecta conexión coas terminais propagandísticas do sistema, cara a onde vai ir o conflito en función da violencia que a policía propoña. En actitude prepotente atrévense a fixar prazos e a retirar as súas ofertas negociadoras, perante o silencio e a complicidade da Xunta. Para a patronal, subvencións públicas e axudas de todo tipo; para os traballadores, EREs e conxelación salarial. E cando as condicións melloran, como é o caso do aumento de necesidade produtiva en Citroen, a decisión empresarial non é a contratación como piden os sindicatos, senón as horas extras e o traballo en sábados. Simplemente incríbel.
Na xornada de onte, recruou o conflito. Catro traballadores feridos tiveron que ser atendidos en centros hospitalarios tras os enfrontamentos coa policía. As rúas de Vigo foron testemuñas un día máis da firmeza obreira fronte á violencia das “forzas da orde”, responsábeis da desorde. Mais non só os folguistas son obxecto da senrazón dos terroristas legais, calquera viandante alleo ao que acontece pode ser vítima das agresións policiais e das pelotas de goma que son disparadas, en realidade, dende os grandes despachos. Anunciouse para hoxe unha resposta proporcionada ao acontecido onte.
E así foi. O terrorismo legal non é quen de reducir a determinación obreira. As imaxes falan por si soas e espallarse no texto non achegaría nada novo, non é doado describir todo o acontecido, e moito menos os sentimentos de xenreira que fai agromar en nós a súa ameazante presenza e a súa irracional actuación. Para a semana que vén están anunciados tres días de folga, sendo paro xeral en todo o sector o venres. Camíñase xa cara a unha indefinida, que alongará o conflito e o endurecerá á vista da posición inmóbil da patronal.
A nosa absoluta solidariedade e apoio aos traballadores do metal. O noso desprezo á actuación policial, á actitude da patronal e aos manipuladores subvencionados dos panfletos publicitarios…
Adiante!


Chúzao
del.icio.us
