Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

CausaGaliza

04/06/2009 GMT -1

CENSURA ACTIVADA

augasceives @ 14:45

Ben sabiamos que da man do PP había chegar todo ao que nos tiña acostumados e se habían reproducir as mañas que se empregaron durante o fraguismo e que afogaron a este País en múltiples escuridades. Certo é que este renovado PP está atinxindo co Feijóo cotas impensábeis cando o equilibrio entre boinas e birretes era algo maior que o que hai agora, que practicamente desapareceu a influencia dos primeiros. Referímonos á cuestión lingüística, onde as agresións ao noso idioma están lonxe da perversión e da maldade que Fraga e os seus podían desenvolver. Onde non defraudan e comezan a andar polos mesmo vieiros é na apropiación (indebida) dos medios de comunicación públicos (así como o dos privados, aos que lles engordará as axudas). A primeira decisión da nova directora da televisión pública é digna do máximo esplendor da censura fraguista, o que coñecemos por exemplo canda o ‘caso Prestige’.

Estreouse hai tres semanas un novo programa, producido por Antón Reixa e a súa produtora, de nome Caixa negra e con vontade de recordar episodios notorios da nosa historia recente. A primeira entrega abordou a crise do buque Casón e no documento lembrouse a realidade daqueles tempos, nos que non saía ben parada a xestión das administracións. A segunda entrega fíxonos tornar ao escenario da chamada "Operación Nécora" contra o narcotráfico. Na terceira, a desta semana, habiamos recordar a crise das ‘vacas tolas’, unha das actuacións máis detestábeis de entre as moitas que tivo o Goberno de Fraga.

Un caso espiñento do que aquela Xunta non sairía moi ben parada pola súa nefasta xestión. Os enterramento de máis de 300 vacas en Mesía, a manipulación informativa, o escurantismo, a desinformación, o autoritarismo… marcas todas elas propias deses fatídicos dezaseis anos. Un caso espiñento a emitirse a poucos días dunhas eleccións e no medio da situación de máis gravidade da historia do agro galego.

Razóns suficientes como para cancelar a emisión do programa e pór nas pantallas da televisión pública de Galiza un filme de Clint Eastwood dos que tanto gustaba a vella TVG dos últimos tempos do demócrata Fraga. Primeiro escándalo maiúsculo de censura e manipulación informativa dos moitos que han vir para consolidar o novo modelo Feijóo tamén en cuestións de márqueting mediático.

Mais o motivo oficial é que un sindicato agrario, concretamente o deles, Xóvenes Agricultores, solicitou a non emisión do documental. Argallada conxunta e intolerábel na que os “seudogandeiros de cidade” aceptan cargar ao lombo co primeiro grande escándalo mediático da nova lexislatura. Revivindo os vellos tempos de censura tan clamorosa que semellaba cómica, ao tempo que noxenta. Cando a pasada semana os tres sindicatos maioritarios lle esixían a Feijóo que non modificara a Lei da Función Pública o Goberno non os atendía; agora que o suposto sindicato lle pide que enterre a ollos da pantalla pública aquel negro episodio para o agro galego… entón agora si está receptivo Feijóo!

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis