AS ELECCIÓNS EUROPEAS DA DEMOCRACIA ESPAÑOLA
Non erraron desta vez os prognósticos que apuntaban a unha escasa participación nas Eleccións ao Parlamento Europeo de onte 7 de xuño. Non se percibe con proximidade este organismo, óllase como algo demasiado afastado como para podermos ser influíntes nunha cámara tan grande como é a de Bruxelas. Malia escoitar reiteradamente que alí se toman cada vez máis decisións que atinxen moi directamente á nosa vida cotiá, o certo é que a percepción que temos é que o noso poder de decisión alí é mínimo mentres que moitas das súas políticas supuxeron medidas negativas aquí.
Dá a impresión de que, cando menos, hai dúas situacións difíciles de superar nestas eleccións. Unha é o sistema, que parece inquebrantábel ao ter como máximos valedores aos Sarkozy, Merkel, Berlusconi e demais ultraliberais que levan até os extremos a doutrina do capitalismo destrutor. A outra é a coxa democracia española, que nestas eleccións puxo a ferver a maquinaria mediática do bipartidismo. Ao ser circunscrición única o Estado Español, semellaba reducirse todo a dúas opcións, máis aínda ca do normal. A exclusión do resto de opcións foi total en pos dunhas eleccións nas que pouco importaba a Unión Europea (o seu futuro non estaba en xogo e pouco lle afectaría o resultado) e si se presentaron como unha proba de lume ao Goberno do PSOE. Un PSOE que tentou a maior das atrocidades democráticas ao pretender ilegalizar a candidatura de Iniciativa Internacionalista. Finalmente, a candidatura apoiada (cando menos de discurso) pola práctica totalidade do movemento independentista galego estivo nas eleccións con máis ou menos dificultades. O silenciamento desta por parte dos medios de comunicación do sistema foi total e absoluto.
En clave electoral, a lectura que se pode facer é que a nivel estatal a fractura do sistema económico e a consecuente crise que estamos a padecer estalle a pasar factura ao partido do goberno. Mais ao tempo, a suposta alternativa que a ‘Democracia’ española ten (o PP) non é quen de imporse claramente debido á insólita incapacidade do seu chamado líder. A cativa vitoria, con tan só 23 escanos, non pode ser vista noutra clave máis ca en voto de castigo ao PSOE. Coa participación máis baixa da historia nestas eleccións pouco valen os resultados. En Galiza esta situación pode ser asimilada e atribuída á resaca das eleccións de hai só tres meses e nas que mudou o goberno. A clamorosa incapacidade tanto de BNG como de PSOE para renovarse e facerlle fronte ao despropósito de Feijóo levou ao PP a choutar por enriba do 50% de votos. Así, o BNG comeza unha travesía polo deserto que semella longa e da que non ofrece signos de recuperación a curto prazo. Os seus líderes agora non só carecen de altura política, como era o caso da anterior dirección; agora están faltos tamén de personalidade e carisma, Quintana cando menos axitábase nos mitins. Tanto a candidata como o novo voceiro nacional non inspiran absolutamente nada nin son quen de prender nin tan sequera entusiasmo entre os seus. Votar ao BNG agora mesmo é facer un verdadeiro exercicio de fe: crer o que non se percibe. A desastrosa campaña (e xa van dúas seguidas) na que se potenciou descaradamente a figura do novo líder en prexuízo de Ana Miranda reportoulles uns resultados pésimos. Aproveitaranse dos votos de ERC para estar no Europarlamento durante ano e medio, segundo o pacto da candidatura na que concorría con independentistas vascos e cataláns.
No que se refire ás alternativas de esquerda anticapitalista no Estado, os resultados non permitiron obter representación ningunha. O sistema non permite competir en igualdade de condicións e, por se fora pouco, contra os que manexan os recursos (económicos, legais, mediáticos, represivos, etc.) non se pode loitar xogando coas súas armas. Nun escenario no que as condicións e as regras as poñen eles co fin de asegurárense o seu obxectivo, competir electoralmente é pouco menos ca inútil. Cómpre, se cadra, unha reflexión no seo das forzas que están fóra do marco deste ‘sistema’. Sería de replantexar se é viábel entrar a bater de fronte contra as paredes que sosteñen a maltreita estrutura do edificio do ‘statu quo’. É isto un chamo a abandonar? Para nada! Máis ben ao contrario. É pensar na posibilidade de procurar os espazos de loita e resistencia e aproveitalos a diario, máis alá do inxente traballo que supón unha campaña en desigualdade de condicións e por enriba boicoteada de todos os xeitos e maneiras posíbeis. É isto dicir que non debe haber opción electoral? Coidamos que si debe habela, por suposto! Máis non son de agardar uns grandes resultados polo
traballo que se faga en dúas semanas, por moi bo e positivo que sexa.
O exemplo máis claro é o do independentismo galego. O de toda a xente que traballou en prol da candidatura de Iniciativa Internacionalista esquecendo por uns días as siglas que están a coutar a posibilidade de artellar unha opción única dende o punto de vista electoral. Unha opción posíbel e viábel á vista dos case imperceptíbeis matices que presentan uns e outros proxectos. Mais unha opción que, como se viu, non puido presentarse ás Elección do pasado 1 de marzo. A enxurrada de colectivos non remata de confluír nun mar desexábel e necesario que sería o da forza senón única, si maioritaria no autodeterminismo en Galiza. Non abonda con chamar ao voto a unha lista ou ofrecer o apoio mediante un texto na rede, algo que tanto un particular como un colectivo pode facer. O que suma é o traballo e a verdadeira solidariedade, o que suma é a altura de miras e o verdadeiro compromiso demóstrase antepoñendo o proxecto de autodeterminación para esta nación antes que as fotos nas que un ou uns poidan figurar. Agardamos que onte non rematara nada, agardamos que hoxe comece a nacer a alternativa necesaria. Cómpre esquecerse de buscar apoios en espazos electorais descoñecidos e comezar por centrármonos en acumular as nosas forzas para ir a por eses caladoiros indecisos.


Chúzao
del.icio.us
