PECHADO POR REFORMAS
Opinión de Sabela Ferreirós arredor da saída de Xurxo Souto do programa 'Aberto por reformas' da Radio Galega. Este cese supón moito máis ca remuda -previsíbel, máis non deste xeito tan inmediato- dun profesional á fronte dun programa de radio. Aínda que o programa polo momento segue, non é xa a oportunidade que Xurxo Souto ideara para os músicos galegos e para as súas músicas, non é xa ese excelente instrumento de normalización lingüística na radio pública de Galiza.
Unha semana despois e logo de ter visto xa numerosas mostras de apoio e espazos adicados, velaquí vai unha pequena achega máis sobre o primeiro grande atentado cultural do novo Goberno da Xunta. Non por agardado é menos destrutivo o impacto que sufre a música galega, e con ela a nosa lingua, coa saída de Xurxo Souto da Radio Galega. Esta é unha agresión máis ao noso idioma na xeira que comezou este novo PP dende que se fixo co control do Goberno e do Parlamento Galego.
Sen ningunha dúbida, a Radio Galega foi o único que verdadeiramente cambiou e onde máis se apreciou a fin do fraguismo a partires de 2005, bastante máis ca súa irmá a televisión. A radio pública de Galiza experimentou unha verdadeira abertura de fiestras polas que entrou unha corrente distinta que limpou os recantos daquel rancio instrumento ao servizo do ‘partido único’ durante aqueles interminábeis dezaseis anos.
Nese mar das ondas, galegas e en galego, sobresaían dúas grandes centolas que representaban a riqueza do marisco cultural galego: o Aberto por Reformas e o Extrarradio. Os nomes son toda unha declaración de intencións, o primeiro deles era a disco-tasca de Xurxo Souto e Vituco Neira, na que as reformas que eran precisas trala expulsión do PP do poder e do control dos medios abrían esa hora diaria de radio; o segundo dos casos aséntase nas mañás do fin de semana e ten a Belén Regueira como facho dun magacín diferente até daquela, diferente por ser puramente galego e sen complexos. A universalización da cultura galega débelle moito a Belén e a cantos con ela enchen, polo momento, a Radio Galega os sábados e domingos pola mañá.
O pasado luns eran nomeadas as novas Directoras da Radio e da Televisión públicas, ese mesmo día ás oito do serán Xurxo Souto despedíase logo de tres anos á fronte do Aberto por Reformas. Ao día seguinte, o programa comeza co mesmo nome e a mesma sintonía (‘A nossa história’, da Matraca Perversa) mais con distinto condutor e con contidos e finalidades totalmente distintas. O ‘Aberto por Reformas’ de Xurxo Souto foi a maior oportunidade que a música galega tivo na nosa Historia, o acceso á radio pública de numerosos grupos de todos os estilos imaxinábeis e sen máis credenciais que o seu talento foi un fito de valor incalculábel que os músicos deste país saben, recoñecen e agradecen. A descuberta que puidemos facer de toda canta creatividade musical se movía entre nós foi como ir desenterrando cada día un tesouro soterrado na fosa común que cavaron os ‘limitadores da nosa cultura’. Algo tan básico como a promoción da nosa lingua e da nosa cultura nos medios de comunicación públicos era impropio en Galiza até que Xurxo Souto chegou á Radio Galega, agora que se vai, a normal anormalidade volverá. O novo ‘aberto’ é a máxima expresión deste cinismo bilingüe de Feijóo e o sicario Xusto López Carril, novo presentador do espazo que polo momento mantén o nome, a sintonía, algunha sección pero que desbotou e borrou a esencia e principal razón de ser do verdadeiro ‘aberto’: a música galega.
Non quedan espazos propios para a música galega e a promoción dos nosos artistas na nosa radio, e con isto ráchase unha cadea que se entrelazaba e entrealimentaba. Vai sufrir a creatividade musical en galego, van volver á invisibilidade (a esa caste de clandestinidade) ducias de bandas de todos os estilos e con elas van caer moitos festivais organizados a partires do compromiso social e da autoorganización de base, van desaparecer moitos dos soños deste ‘pobo de artistas’ como gusta Xurxo de dicir deste recanto da fin do mundo chamado Galiza.
Mais algo estase a cocer xa como resposta a esta nova infamia galegófoba de Feijóo e os seus. A resposta non ha facerse agardar e o PP vai comprobar que ten en fronte a determinación dunha sociedade que si, é toda ela a que ameaza os intentos de agresión que padece. É toda ela a que non consente que 39 zombies controlados por Madrid, como dirían Galegoz, sigan a bater impunemente na nosa lingua e a magoar a nosa cultura.


Chúzao
del.icio.us
