CARA A LIQUIDACIÓN PLENA
Avanza a Xunta nos seus plans de exterminio. Feijóo fixouse como acción prioritaria nos seus primeiros meses de goberno o ataque á raíz da supervivencia do noso idioma nas vindeiras xeracións. Paseniño vai anunciando medidas cada semana que só chaman á desesperación: a derrogación do Decreto do galego, a supresión da lingua nas oposicións, o recorte de espazos nos medios públicos, a enquisa envelenada… Agora chégalle a vez ás Galescolas. Un asunto que xa irritara ao PP da oposición e co que ensaiaran a súa maquinaria demagóxica e propagandística publicando verdadeiras pezas de coleccionista, tamén polas terminais de Madrid. Ademais, Feijóo e os seus tentan reter a oposición social maioritario no eido do ensino aos seus plans ameazando intolerabelmente a mestres e centros.
O ensino público e universal nunca foi prato de bo gusto da dereita, o ensino público e en galego tampouco foi manxar que dixerira con agrado o PP, pero ao tratarse das tradicionais gardarías e por seren dirixidas aos máis novos e novas que comezan a idade escolar, Feijóo comezou a amosar síntomas de desesperación. Unha das iniciativas máis positivas do anterior goberno, en concreto do BNG, foi a creación dunha rede pública de escolas en galego para os pícaros en idade de acceso á ensinanza pública. Fíxose cuestión de estado o asunto dos mandís, ou tamén aquelas inxenuas declaracións de Quintana afirmando que os rapaces e rapazas saberían entoar o himno galego ao saíren desa primeira etapa escolar.
A dereita política e mediática asustábase polo sectarismo dun goberno que seica quería adoutrinar dende pequenos aos futuros cidadáns e cidadás deste país. O nome lembráballes ás Ikastolas vascas, nas que chegaron a dicir pouco menos que eran berce de futuros terroristas. Entendendo o termo na amplitude que eles lle adoitan outorgar, entendendo que un terrorista tamén é quen fai unha pintada nunha parede… Para eles, o coñecemento dos nosos símbolos nacionais é adoutrinamento, non o é porén a materia de relixión católica dende os tres anos no ensino público.
As Galescolas estaban no punto de mira de Feijóo, e así o confirmou hoxe. Tralo Consello da Xunta, os mandatarios desta nación decidiron suprimir o nome destes 467 centros para pasaren a ser ‘escolas infantís’ e a integralas na Consellaría de Educación. Coa falta que lle facía
a moitos conselleiros e conselleiras pasar un tempo nelas para cando menos aprender a dicir 'bos días'...
Mais aí non rematan as novidades. Vendo a contestación social e o rexeitamento masivo que a famosa ‘enquisa lingüística’ provocou nos sectores conscientes desta sociedade, deciden botar man mordaza. Anunciárase campaña contra esta pseudoconsulta por parte dos sindicatos e demais colectivos protagonistas como pode ser a Coordinadora EDNL. A meirande parte dos que para outras cousas chaman ‘axentes sociais’ pronunciárase en contra dos avances contra a normalización lingüística nas aulas. A Consellaría de Educación respondeu prohibindo os actos informativos sobre esta malévola e falsaria enquisa nunha circular remitida aos centros. “Aproveito para lembrarlle que a Dirección do centro é a responsábel do normal desenvolvemento do proceso de realización da consulta e en consecuencia deberá prohibir todas as accións ou actos, tanto a favor como en contra do mesmo, mantendo informada en todo momento á Inspección Educativa”. Velaí o parágrafo da inquisición na que se tenta intimidar aos mestres para que non se rexistre actividade ningunha en denuncia do inquérito.


Chúzao
del.icio.us
