Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

# Augas Ceives

pola nosa lingua_en pé

11/06/2009 GMT -1

CONFLITIVIDADE LABORAL COMO EXEMPLO DE RESISTENCIA

augasceives @ 16:58

Os niveis de conflitividade laboral continúan elevados en Galiza. Segue viva a loita gandeira en demanda de solucións á situación crítica que vive o sector, xa hai convocada unha tractorada para a semana que vén (mércores 17) co SLG á cabeza. Os traballadores da planta de Pascual de Outeiro de Rei continúan coas súas protestas e a pasada noite xuntaron máis dun milleiro de persoas en Lugo contra o ERE que os ameaza. Na Coruña, o persoal de Caramelo continúa coas accións tamén contra o expediente de regulación que a multinacional pretende e estendendo as protestas á situación do sector téxtil, que está a ser ameazado polo virus da deslocalización. Por debaixo da liña mediática, continúan vivos centos de conflitos en todos os recantos do país cos traballadores e traballadoras pagando a crise do capital (Galfrío, Seaga, ABB, Ingemarga, Valoriza, Viproga, Maderas del Atlántico e tantas outras). Coa pasividade cómplice e letal da Xunta e maila envelenada actuación dos medios deformando a realidade, a loita obreira enche as rúas do País. Mais á cabeza segue o conflito do metal no sur de Galiza, con Vigo como capital da resistencia.

 

Patronal, sindicatos e Xunta manteñen as negociacións dende o día de onte. Logo das xornadas de violencia e disturbios das pasadas semanas, os representantes dos traballadores convocaran para onte, hoxe e mañá xornadas de folga. Mentres se prolongan durante varias horas as negociacións e o suposto achegamento de posturas, cómpre preguntarse porque se tiveron que pasar polos chanzos previos de caos, cargas policiais, lume, barricadas e firmeza obreira. Semella que o empresariado vai marcando os tempos da negociación, non acudindo primeiros ás reunións fixadas, provocando a folga despois, soltando nas rúas aos violentos armados e orientando o conflito á sociedade presentando aos traballadores como violentos e delincuentes por esixiren os seus dereitos. Agora deciden sentar nunha mesa da man da Xunta do PP.

Pero mentres as xuntanzas discorren, os traballadores seguen nas rúas dispostos a non ceder. Na tarde do martes, a chuvia asistía tamén á manifestación en solidariedade cos traballadores do metal e pola reclamación da solución e a sinatura do convenio. Onte mércores os representantes dos traballadores tornaban ás negociacións e hoxe xoves, aínda cos representantes sindicais sentados e coa mediación da Xunta, os obreiros decidiron saír á rúa mantendo a xornada de folga prevista. De non haber solución, segue en pé a convocatoria para mañá na que o paro tomará carácter indefinido e afectará tamén ás empresas con convenio propio. Isto é, o venres parará tamén a factoría de PSA Peugeot-Citroën.

A loita está servida. De manter a patronal as súas inasumíbeis pretensións e prepotencia, de continuar a indiferenza da Xunta perante o conflito laboral máis grave de Galiza, de ter que seguir pagando os traballadores a crise do capital ao tempo que as grandes multinacionais seguen a encher os petos con axudas públicas; será (se non o é xa) o momento de pensar noutras alternativas. A vía do diálogo esgótase, porque este é utilizado como estratexia de dilación e para non atender a situacións graves. Algún sindicato debe tomar a dianteira e chamar de inmediato á folga xeral; e sabemos que non o vai facer, por sometemento ao ‘diálogo social’ e por non molestar a un Goberno amigo. Polo tanto, todos os dedos apuntan nunha dirección. A clase traballadora está esixindo esa convocatoria, agora a alguén lle tocará atender esa demanda.

Comentarios non permitidos para este Post

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis