AS AGRESIÓNS LINGÜÍSTICAS ATOPAN RESPOSTA
A ofensiva lingüística do Partido Popular aséntase no marco legal por medio do derrubamento dos escasos piares normativos que sostiñan as bases institucionais da normalización lingüística. Partindo de que o proceso normalizador sempre estivo (está e estará) en mans da iniciativa popular e do tecido asociativo e social de Galiza, podería parecer que a cuestión legal é menor pois a clase política que nas diferentes épocas dirixiu este País sempre estivo lonxe de comprometerse seriamente. Mais é evidente que non é así. Os lixeiros avances que se tiñan conseguido están agora no punto de mira de Feijóo e os seus sicarios, e saben que o desmantelamento das garantías na función pública e no ensino son bos comezos para alzárense como liquidadores definitivos dun idioma ao que menosprezan. A xa famosa enquisa, denunciada pola CIG e rexeitada polas principais organizacións de ensinantes e ANPAs do ensino público, está a xerar a máis fonda indignación no eido educativo. Aínda así, hai resposta e estase a producir contra todas as trabas, ameazas e coaccións inquisitoriais da Consellaría.
As irregularidades coas que se perpetrará esta inútil enquisa son múltiples e variadas. Sen respectar ningún tipo de rigor científico nin estatístico, sen garantir nada do referido a protección de datos nin fiabilidade dos resultados, facendo dos cativos e cativas simples carteiros e carteiras ao servizo da Consellaría de Educación, unha razón érguese por enriba de todas as senrazóns: o inquérito é propaganda electoral e non servirá para escoitar ningún tipo de opinións, o novo Decreto do Galego está pensado xa e todo responde a unha farsa comprometida no programa electoral de Feijóo. A maldade e a terxiversación preséntase na redacción das preguntas, así como nas posibilidades de resposta.
De crermos, que non o facemos, os argumentos da Consellaría dos que bota man para tratar de explicar esta parvada, malévola parvada, cumpriría preguntármonos porque non son os mestres e especialistas os consultados sobre o modelo educativo e non os pais e nais, que non deixan de ser persoas coas súas propias ocupacións e nivel de coñecementos (non sempre indicados para deseñar un modelo educativo). No fondo está esa concepción ultraconservadora do santificado termo de ‘familia’ no que os fillos e fillas son reféns duns pais que, co pretexto da liberdade para educar aos seus cativos, poderían intervir en algo tan importante como o modelo educativo e a futura competencia de varias xeracións de galegos e galegas.
Falsa tamén é esa bandeira da ‘liberdade’ baixo a cal se din mover os noxentos grupos que no fondo só procuran o exterminio dunha lingua
para espallar o monolingüísmo. Detestan a diversidade porque a entenden como un atranco. Cumpriría dicirlles que a primeira e inescusábel condición para que exista a liberdade é a igualdade. Sen igualdade non pode haber liberdade, porque o espazo de decisión veríase limitado como se ve un paxaro engaiolado: pode voar …dentro da gaiola. E no tema lingüístico non existe igualdade, existe desigualdade; non existe bilingüísmo cordial, existe diglosia. Para conquerir escenarios de liberdade é preciso pular pola igualdade real entre as linguas, e as matemáticas din que o idioma ameazado non pode ficar por debaixo do 50% de presenza no ensino (que é o que recolle o cativo Decreto do Galego en vías de extinción). Os expertos falan de que para aseguramos a supervivencia da nosa lingua, esa porcentaxe ten que necesariamente aumentar en prol do único idioma magoado neste país, o único idioma propio deste país: o galego.
Estase a producir reacción por parte dos sectores máis comprometidos e sensíbeis coa cuestión lingüística no eido do ensino. Os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos colexios galegos estanse a unir para artellar resposta a esta agresión e información coa que botar luz no medio das falsidades tecidas pola rede de agresión permanente que constituíron varios colectivos españolistas, partidos políticos e medios de comunicacións. A Consellaría de Educación prohibiu todo tipo de actos informativos baixo ameza dos e das inspectoras, coacción aso centros e acoso á dignidade resistente que se organiza e traballa arreo polo máis prezado valor patrimonial que posuímos, e que temos a obriga de conservar. A infamia inquisitorial non ha poder coa vontade firme da defensa da nosa lingua.


Chúzao
del.icio.us
