Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

16/06/2009 GMT -1

ESTE NOVO PP

augasceives @ 21:22

Alberte Outeiro escribe unha reflexión sobre a forza política que domina os resultados electorais en Galiza e a mutación que vén experimentando dende a ausencia de Fraga Iribarne á fronte.  

 

Criamos que o punto de inflexión que supuxo o cambio de goberno en 2005 había traer consigo unha necesaria renovación de caras no seo do PP. A morte política do franquista Fraga Iribarne precisaba un sucesor que tería unha difícil tarefa e que de seguro non contaría co carisma nin co perfil de líder que o Partido Popular en Galiza atopaba en ‘Don Manuel’, como lle chamaban os seus a quen dirixía con man de ferro e controlaba absolutamente todo canto se movía arredor do partido. Coa perda do poder, semellaba que a división interna e as loitas encarnizadas pola sucesión habían dar do derrubamento dunha estrutura baseada no control do poder e sostida grazas á máis magna obra que en dezaseis anos levantou Fraga: o perfecto tecido dunha rede caciquil que parecía abranguelo todo.

O Congreso de 2005, no que a ‘dedocracia’ interna deu con Alberto Núñez Feijóo como relevo de Fraga Iribarne á fronte do PP, non foi só unha remuda de líder. As acusacións de fraude nas supostas eleccións internas no proceso de sucesión chegaron dende dentro, cando o aspirante López Veiga denunciou que se favorecía deliberadamente ao candidato ‘oficialista’. Sexa como for, Feijóo era o escollido por Fraga e con este en vida ninguén discutiría aínda a súa decisión. Presentábase como o xugo perfecto para acadar o entendemento entre esas dúas correntes tan afastadas que ficaban en silencio diante de Fraga, pero que agardaban a oportunidade para imporse. ‘Boinas’ e ‘birretes’ puxaban polo control para levar ao PP en Galiza a ser ‘o PNV galego’ como moitas veces dixera Fraga ou pola contra a estreitar relacións coa Dirección madrileña e axeonllarse submisamente ás súas directrices.

A travesía polo deserto da oposición antollábase como o enterro político dun Feijóo que parecía incapaz de chegar á Presidencia da Xunta, quizais a súa verdadeira pretensión era (e segue a ser?) chegar a Ministro de Rajoy en Madrid. De poza en poza e a cada cal máis fonda, ese foi o camiño de Feijóo na oposición, onde axiña demostrou cal era seu verdadeiro perfil. Aquela histórica foto na que de zapatos collía unha mangueira diante dos fotógrafos para aparentar apagar un lume na crise dos incendios forestais do verán de 2006 deixou ás claras cal era a facción á que máis se achegaba.

Alberto Núñez Feijóo non ten nada que ver cos máximos expoñentes do sector do ‘boina’. A súa esencia elitista non lle permite facer súas mañas propias do caciquismo de Baltar ou Cacharro, está lonxe do ideario de Cuíña (aínda que caciquil, con consciencia de País) e desbota aquela vella pantasma que algún día planeara polo PP de Galiza: a pantasma do galeguismo. Non hai dereita galeguista posíbel con Feijóo, porque esa opción require baleirar de demagoxia o contido dun discurso que debe ser decididamente galego, en galego e próximo á xente.

Mais a tornas cambiaron inesperadamente o 1 de marzo pasado. O fracaso estrepitoso do Bipartito nas urnas deulle a posibilidade de converterse en Presidente da Xunta, algo no que nin el mesmo confiaba nin merecera. Durante a campaña rematou por posicionarse definitivamente e botou man de elementos descoñecidos en Galiza até esta altura. Organizacións de corte ultraespañolista e galegófobas, a importación de conflitos e teses impropias de aquí pero que a Dirección Estatal do PP utilizara electoralmente contra Zapatero, radicalización do discurso e aposta decidida pola demagoxia pensando en que non sería preciso nunca dar contas dende o poder hipotecaron as primeiras semanas á fronte da Xunta. Co éxito como chaqueta presentouse ao Congreso sen opoñentes posíbeis, converténdoo nun paseo trunfal en un baño de eloxios pouco antes de ter que comezar a repartir postos e cargos na administración galega.

Rodeouse dun equipo que en nada fai lembrar aos que secundaban a Fraga para asentir e axeonllarse diante do vello fascista cada vez que fora necesario. Os homes e mulleres de Feijóo desprenden elitismo, españolismo, madrileñismo, ultracatolicismo e sobre todo, autoodio, xenreira e desprezo cara a todo o propio deste país, arrepentimento fondo e sincero diante da FAES por ter cometido o imperdoábel pecado de seren galegos e galegas. Snobs de camisa cara e xersei polos ombreiros, de vela en Baiona e golf en Sanxenxo, de tradicionalismo neocón e outros cualificativos que describen perfectamente a dirixentes do seu partido, pero que non viramos nos nefastos dezaseis anos de Fraga en Galiza: esas características eran as dos empresarios ricos e turistas estranxeiros que comezaron a esixir unha costa galega para si mesmos e un sector turístico que controlar. Agora tamén os gobernantes fan parte dese desprezábel galiñeiro.

A nova manchada de dirixentes e cabezas visíbeis do PP en Galiza suplen as súas carencias como políticos con inxentes doses de demagoxia e radicalismo. Teñen présa por borrar algúns trazos que a sociedade galega comezara a debuxar no papel en branco da Galiza que soña, porque a quen o PP lle ten medo é a xente, sabe que os seus resultados electorais se apoian nesa masa durmida que só esperta cada catro anos. Esa é a súa democracia, a de votar e calar, a de non participar. Mais todo ese tecido que por baixo se está movendo e contesta as súas crueis intencións esixe non ser contada como un feixe de votos sen máis. Porque lle esiximos a este novo PP que deixe de atentar continuamente contra os nosos sinais de identidade, que deixe de bater con tanta violencia na nosa lingua, que deixe de afogar os espazos nos que estaba agromando e saíndo á luz o potencial creativo da cultura galega, que deixe, en definitiva, de ser unha simple copia das probas involucionistas que saen do laboratorio ‘faescista’.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis