ACCIÓNS Á MARXE DA ESTRATEXIA SINDICAL INTERFIREN NO CONFLITO DO METAL
A pasada madrugada producíronse tres accións que tiveron como resultado danos materiais en puntos concretos do sur de Galiza. Un artefacto explosivo estouraba nun caixeiro dunha entidade bancaria en Vigo, un concesionario de automóbiles era atacado tamén por medio dalgún artefacto e a casa do presidente dunha empresa de instalacións eléctricas resultou tamén prexudicada por unha acción semellante. O contexto de conflito e folga do sector do metal, coa contundencia demostrada pola loita obreira nos últimos días fai automaticamente procurar algún tipo de vencello entre os tres feitos puntuais e o a propia situación de tensión que se vive na principal cidade do sur do país. As organizacións sindicais indicaron que non gardan relación coa estratexia sindical e a Delegación do Goberno Español en Galiza (lembremos que con novo responsábel) afirmou que tampouco ve esa relación (apunta como adoita facelo a “grupos minoritarios e radicais”). Mais os intoxicadores de sempre xogan á insinuación para seguir prexudicando os intereses dos traballadores.
Ninguén pode asegurar con certeza a autoría dos tres actos, nin tan sequera confirmar a relación entre eles. O sensacionalismo xornalístico non tardou en tomar esta nova como bo xeito de seguir criminalizando aos traballadores en folga sen desaproveitar a ocasión de facer unha curiosa mestura entre estes e “grupos independentistas radicais”. A tensión que se está a vivir no contexto desta folga faría posíbel a hipótese da relación: que traballadores adoptaran decisións á marxe da liña sindical seguida até o momento. Tampouco é de desbotar que colectivos ou particulares alleos ao conflito actuaran de xeito independente como resposta ás ofensivas e agresións permanentes ás clases populares e traballadoras. En ningún dos dous casos achamos a necesidade destas accións, pero a xustificación ou non destes actos débese analizar sen esquecer as sensacións extremas de xenreira e desesperación que está a espertar este conflito.
Pola súa banda, a patronal aproveitou a ocasión para apuntalar o seu vitimismo e xogar á esixencia tan de moda de “condenar a violencia”. A cuestión (non o aceptan!) non é condenar ou deixar de condenar o que eles esixan, non o fan eles coas intoxicacións mediáticas, nin cos excesos policiais, nin recoñecen a súa teimosa estratexia de radicalización do conflito. Apareceu tamén a Conselleira de Traballo para alimentar a publicidade destes actos e mesturalos co conflito, falando de ‘batasunización’ e ‘kale borroka’.
A estratexia sindical ten a clara consigna de non renderse, pero ten tamén a capacidade de modularse e adaptarse ás necesidades en cada momento. En días pasados, os representantes dos traballadores decidiron que os sectores máis contrarios ás demandas dos traballadores serían tamén os máis prexudicados pola folga. Así, os piquetes centráronse nas últimas horas en boicotear os concesionarios de coches impedindo que os posíbeis clientes accederan para mercar automóbiles. Os traballadores seguirán na súa loita alleos ás accións puntuais e illadas que poidan acontecer á marxe da estratexia sindical.


Chúzao
del.icio.us