OS TRACTORES TOMAN AS RÚAS DAS CIDADES: TRACTORADA!!
Rotundo éxito da tractorada convocada para este mércores polo SLG e Gandeiros Unidos en demanda dun prezo digno para o leite, en defensa do sector agrario galego e co obxecto de manter acesa a loita dos labregos e labregas pola súa supervivencia; pola supervivencia dun dos nosos principais sectores produtivos. A unidade sindical amosada en todas as accións levadas a cabo até agora non foi posíbel nesta ocasión, semella que outras organizacións antepoñen outros interese (políticos) aos dos gandeiros, semella que a mudanza de goberno trouxo modificacións no discurso de quen se atopaba cómodo contra ‘os de antes’. Máis dun milleiro de tractores ateigaron as rúas das principais cidades do país, colapsando a capital de Galiza aproximadamente 600 deles.
Compostela ruxiu ao son dos motores que a primeiras horas da tarde atoaron totalmente a circulación polas rúas da cidade, sementando o caos no tráfico e poñendo nos espazos urbanos as reivindicacións de todo un país que ten a súa orixe no rural. Os piares agrarios fixeron remover as cómodas estruturas do benestar capitalista alleas a toda orde lóxica. As grandes superficies de distribución espallan tanta comodidade nas grandes cidades como miseria nas vilas e aldeas, coas súas prácticas especulativas, dumping, marcas brancas, promocións agasallando litros de leite e outras accións que contribúen a afogar un pouco máis a crítica situación do sector lácteo.
Lugo, Chantada, Vimianzo, Ribadeo, A Coruña e Ferrol foron as outras cidades que se paralizaron pola chegada dos tractores dende as comarcas con máis presenza agrícola do País. Un dos colectivos convocantes, Gandeiros Unidos, anunciaba pola tarde que os tractores ficarían en Compostela (na zona do mercado de Salgueiriños) até seren recibidos por algún alto cargo da Consellaría de Medio Rural.
As organizacións afíns aos dous grandes partidos estatais, UUAA e XXAA desmarcáronse desta proposta, rachando así a unidade sindical que había até o de agora. Estas dúas organizacións anunciaron outros actos de protesta para este venres que consistirá no boicot a algunhas das principais superficies comerciais.
AugasCeives achegou o seu apoio sumándose á tractorada virtual ideada pola RA! (Rede Anticapitalista) e por medio da cal o tractor azul percorreu moitas webs galegas durante o día de hoxe. Sexa esta unha mostra simbólica do noso firme apoio ás reivindicacións do sector, que tamén son as nosas.


Chúzao
del.icio.us
