A VERDADEIRA RESISTENCIA GALEGA
Artigo de Alberte Outeiro no que explica cal é o verdadeiro significado de dúas palabras que teñen adquirido significado distinto cando se xuntan. O fetichismo paranoico das autoridades españolas outorgoulles categoría superior a unha pantasma descoñecida a quen culpar para non buscar outras razóns de fondo: que é Resistencia Galega? Aí vai a explicación.
A creba do sistema capitalista e do modelo social que impuxo esta devastadora globalización provocou unha crise que está a ter consecuencias tráxicas entre as clases traballadoras. Galiza resiste a ofensiva, a conflitividade asolaga o País e as loitas obreiras están vivas en toda a xeografía nacional. Por se fora pouco, temos que soportar o engadido de ver como un goberno movido polo afán autodestrutor e u odio antigalego pula pola destrución do noso principal signo de identidade: a resistencia lingüística está presente e moi viva.
A ofensiva dos valedores do sistema capitalista, que pretenden aproveitarse dunha crise que eles mesmos provocaron está a prender a chama da loita obreira en cada recanto do País. Só os que atinxen ao maior número de traballadores e traballadoras saen á luz, por considerar dalgún xeito o escurantismo mediático que bota de todo menos luz. Pero son moitos máis os que se rexistran case en silencio en pequenas empresas espalladas polo país adiante.
O sector do metal na provincia de Pontevedra é o máis claro exemplo de unidade obreira, de forza e de disposición a loitar por unhas condicións dignas. O deste ano, cando van 15 días de folga e enfrontamentos na rúa contra os violentos, é xa o conflito laboral máis longo de cantos hai no Estado. A mobilización é capaz de colapsar totalmente a primeira cidade de Galiza, e se a violencia policial da pé, o resultado é o caos e os disturbios que se viron en días anteriores. A orde habitual viuse interrompida no que vai de ano en todas as cidades de Galiza por motivos de loita laboral. Compostela, por ser a sede principal da administración galega, rexistra numerosas protestas contra os atropelos da patronal; ademais, polo simbolismo de ser capital do País lévanse alí numerosas loitas á procura do eco mediático. A crítica situación que vive o agro galego provocou que o mércores e o xoves da pasada semana a maior tractorada dos últimos anos paralizara o tráfico circulatorio nas rúas compostelás.
A Coruña viu como as traballadoras de Caramelo tomaron as rúas para facer visíbel a súa
situación. A téxtil desafiounas e a resposta foi dabondo contundente. Lugo asistiu ao conflito de Pascual (situada en Outeiro de Rei) e a Muralla coñeceu de primeira man a determinación dos afectados. En clave gandeira, as cabezas das principais comarcas do sector acollen periodicamente a axitación da dignidade labrega. Vilas e concellos menores axítanse cada vez que traballadores e traballadoras en loita saen ás rúas. A unidade pode alterar calquera normalidade baseada en anormais condicións.
E máis alá dos conflitos laborais, o pobo galego centraliza en Compostela a loita pola defensa da súa lingua. Dende alí, dende o corazón da Nación os infames gobernantes atacan o idioma acosándoo na función pública, no ensino e en todos os ámbitos posíbeis. Afogan a débil lexislación que da acubillo á normalización lingüística pero ven como os sectores máis conscientes (como o ensino, cos mestres á cabeza) rexeitan as políticas exterminadoras deste novo PP.
O leite e a lingua son dous motivos que superan a condición local para convertérense en prioridades nacionais. A liquidación lingüística que persegue o PP e a pasividade letal dos gobernos con respecto ao sector leiteiro ameazan non só a galegofalantes, a funcionarios ou aos cativos e cativas en idade escolar: ameazan a supervivencia dun pobo tal e como é, coas súas identificacións propias e que non o vai permitir. En Galiza, resistencia galega!


Chúzao
del.icio.us
