Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

en galego

25/06/2009 GMT -1

DEMOCRÁTICAS PELOTAS DE GOMA

augasceives @ 19:03

O conflito do metal viu como esta semana se ían engadindo elementos, encamiñados todos eles á presión social e mediática contra os traballadores. A patronal segue a valerse das terminais propagandísticas e nos últimos días comezou a difundir o discurso de que moitas factorías están ao bordo da creba, do peche e o sector naval vigués precisa para salvarse a fin inmediata da loita obreira. Os xornais, que levan intoxicando todo o que tocan durante as últimas semanas non aforran en grandes cifras tendenciosas que tinguen de vitimismo o papel dos empresarios.

  A Xunta interferiu esta semana para pór enriba da mesa unha proposta de achegamento que ficaba aínda lonxe dos obxectivos polos que os traballadores (ninguén fala do sacrificio económico que están a facer) levan 17 días loitando e sendo agredidos polas FSE. Nese punto tremeu a unidade sindical: CCOO anunciou un paro nas mobilizacións para estudar a proposta, apostando claramente por aceptala; UXT aceptou seguir coas reivindicacións mais sen participar na convocatoria de folga xeral que para hoxe fixera a CIG; a central maioritaria no sector segue a conducir a loita e rexeitou tanto a tregua nas mobilizacións como a proposta da Xunta (que si gustaba á Patronal).


A determinación tanto da CIG como da maioría dos traballadores desespera aos que se asustan ao comprobar a forza da unidade obreira. Ademais das manobras dos despachos, contan nas rúas para enfrontarse fisicamente aos traballadores á maquinaria “humana” (?) armada. Os sementadores de violencia vestidos de azul e protexidos polos cascos e escudos dunha democracia agresiva e agresora teñen orde de non diminuír a forza coa que atacan a canto se move polas rúas de Vigo e se cruza no seu camiño.

Aos traballadores feridos, que parecen non merecer consideración por parte do ‘sistema’, hai que engadir os danos materiais que os disturbios deixan e que se lle atribúen automaticamente aos folguistas. É algo predeterminado: as desfeitas son culpa dos obreiros, os antidisturbios están para manter a orde. Por sorte, as novas hoxe podemos ter acceso a máis imaxes que as que nos serven editadas os aparellos propagandísticos do poder, tanto públicos coma privados. Logo das provocacións de onte mesmo inseríndose na marcha dos traballadores, hoxe presentáronse ás portas de Citroën á hora na que os piquetes tentaban bloquear o acceso á factoría. Non podía rematar doutro xeito distinto ao que finalmente rematou: unha outra brutal carga contra os traballadores.

Xa a mediodía, reproducíronse os enfrontamentos. Os disparos dos antidisturbios non entenden de obxectivos, e calquera que pase pode ser vítima dos seus irracionais bombardeos de orde e xustiza. Así lle ocorreu a unha muller que naquel momento pasaba por alí, que foi acadada por unha pelota de goma e a deixou doente dunha perna. Impactou nela toda o peso da Democracia Española e tivo que resgardarse nun portal ante tanta carga de xustiza e liberdade que lle bateu no seu corpo.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis