Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

# Augas Ceives

pola nosa lingua_en pé

25/06/2009 GMT -1

NIN PARTIDO, NIN SOCIALISTA, NIN OBREIRO NIN ESPAÑOL

augasceives @ 18:20

O acontecido hai dous días en Madrid dá pé a tirar unha pequena reflexión sobre o chamado Partido Socialista Obrero Español. Por se alguén aínda non atinou, referímonos á lamentábel demostración do grupo de amigos que baixo o nome PSOE se agrupan no Congreso de Deputados: tiña pactada co grupo IU-ICV unha reforma lexislativa que implicara un aumento na tributación para as rendas máis elevadas no Estado Español. Gabábanse de tecer unha normativa de esquerdas, facendo por unha vez unha política social e coherente co discurso que predican. Mais ás poucas horas, a dereita catalá de CiU botou abaixo o acordo ao proporlle ao PSOE absterse nunha votación a cambio de que non se levara a cabo a medida anunciada. E como se nada, atendendo aos seus intereses, o PSOE vendeuse ao mellor pagador esquecendo coma se nada o que esa mesma mañá anunciara. Unha traizón ao grupo de IU-ICV, co que tiña pactada a reforma; mais non se pode falar de traizón a uns principios, porque é algo do que carece o PSOE.

Co P de Partido. É unha das dúas formacións que sosteñen o ‘sistema democrático’ español e foi o protagonista principal da tan cacarexada ‘Transición’. Como corresponde ao seu volume de representatividade, tamén lle hai que atribuír unha moi elevada cota de culpabilidade no ‘pacto de esquecemento’ de todos os crimes franquistas que eles mesmos padeceron. Arestora, o ‘Partido’ entendido como tal componse dun conxunto de intereses cuxo único fin e obxectivo é manterse no poder alí onde o ocupen, sen unha liña ideolóxica clara nin unha idea política definida, sen modelo propio e cun discurso e un nivel de autonomía distinto segundo o territorio do que se fale. É posibelmente a formación que aglutina no seu seo a maior número de ignorantes políticos carentes do máis mínimo perfil ideolóxico, e moitos deles ocupando cargos directivos a distintos niveis.

Co S de Socialista. É un insulto que hoxe esta formación manteña a palabra ‘socialista’ no seu nome. É obsceno relacionar a este PSOE con Karl Marx e outros históricos dunha teoría política que procura a igualdade social e a fin das desigualdades, que rexeita o modelo actual de capitalismo depredador e salvaxe, destrutivo e letal para a clase traballadora. O PSOE é un firme valedor das prácticas económicas propias da dereita e un mestre da corrupción. Irremediabelmente, estas siglas estará por sempre vencelladas a outras que pariu a comezos dos 90: GAL, sinónimo de terrorismo de estado.

Co O de Obreiro. Igual ca socialista, un insulto que esta palabra fique na denominación desta formación. É responsábel de reformas laborais ben distantes dos intereses dos traballadores, non hai máis que ver a lexislación actual e os matices dos que é responsábel tanto o Goberno de Felipe González como o actual de Rodríguez Zapatero. A súa sensibilidade co movemento obreiro apréciase na brutal represión contra calquera mobilización de traballadores, non é necesario falar da proba actual máis alarmante: Vigo.

Co E de Español. As circunstancias políticas e a radicalización do discurso da dereita española fíxolle crer que era preciso avivar a teoría españolista, sen aforrar en xestos. Aínda así, non é doado describir con claridade cal é o modelo territorial polo que aposta: se un federalismo con tinguiduras nacionalistas ao estilo catalán ou o frontismo españolista no caso vasco. A súa indefinición permítelle pactar sen problemas con ERC e co propio PP ao mesmo tempo.

Comentarios non permitidos para este Post

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis