NOVA MARCHA CONTRA O EXÉRCITO ESPAÑOL EN PONTEVEDRA
Non hai volta atrás. Este país decidiu erguerse e respostar todas e cada unha das agresións que padece. Adoita dicirse que falta a grande unidade nacional que agrupe a esa ‘Galiza consciente’ que en cada punto da nosa xeografía loita para rexeitar unha orde establecida perversa e violenta contra os nosos intereses. Se cadra non é imprescindíbel. O pobo galego está a dar unha verdadeira lección de resistencia estando fronte ao acoso da crise capitalista, da destrución da nosa paisaxe, na loita labrega, na defensa da nosa lingua, na promoción da nosa cultura e contra cada un dos ataques que a nivel local non transcenden pero que supoñen graves inxustizas. Exemplo disto último é o que está a acontecer no monte veciñal de Salcedo (Pontevedra) onde nin máis nin menos que o mesmísimo Exército Español pretende roubarlle aos veciños o seu territorio. Pero a dignidade segue en pé contra o fascismo militar: o vindeiro domingo, ao monte!
O Goberno Español está a realizar traballos en terreos dos veciños cos quere ampliar o campo de xogos dos militares. Estes traballos afectan á paisaxe e ameazan restos arqueolóxicos do patrimonio cultural, como petróglifos ou mámoas. E non, non pretendemos que as baleiras e ocas cabezas pensantes do militarismo español amosen un mínimo de sensibilidade cara a estas figuras e o que supoñen, mais o que é doado de entender é que non poden danar as propias vivendas dos veciños!
Este próximo domingo, 28 de xuño, unha nova marcha sairá polos montes da zona a berrar ‘Fóra de Pontevedra, Fóra de Galiza!’. Vaia dende aquí todo o noso apoio a esa mobilización, non só polo que pretende senón tamén polo fondo que garda. A ocupación militar das nosas terras é un ataque directo do Estado a esta Nación, un atentado contra as propiedades dos veciños que vén mesmo invadidas as súas casas e como a faixa de seguridade llas engule. O espírito deste movemento é o da expulsión do Exército Español e dende Augas Ceives apoiámolo rotundamente.


Chúzao
del.icio.us