GAITAS CONTRA FUSÍS, CIDADÁNS CONTRA MILITARES
Perto de 2000 persoas saíron onte ao monte en Salcedo, parroquia pontevedresa na que o Exército Español está a usurpar mediante unhas obras ilegais o monte comunal dos veciños. O Estado Español pasa por enriba de calquera lei ou orde e ataca aos veciños coas armas da prepotencia e da forza militar. A recreación dunha aldea afgá para que os valentes soldadiños xoguen afecta a territorio civil que a banda armada española pretende roubar. O movemento veciñal ergueuse dende o primeiro momento, na defensa tanto das súas propiedades como de elementos patrimoniais –como unha mámoa ou petróglifos- danados.
Baixo o lema “Non ás franxas de seguridade Non ás obras ilegais no monte dos vecinos”, a marcha celebrouse no ambiente festivo que creou o son das gaitas e panderetas. Unha mobilización cargada de simbolismo: a música popular contra as disciplinas militares, a paz veciñal contra o belicismo militar, a dignidade cívica contra a prepotencia militar…
Botando en falta un apoio máis firme e decidido por parte da clase política local e galega, o
Secretario da Mancomunidade de Montes de Pontevedra en palabras recollidas pola prensa propagandística asegurou que “é un cambio unilateral das condicións da cesión realizada no seu día polo Concello. E este cambio non se pode facer gratuitamente [...] porque a decisión do Ministerio afecta negativamente á calidade de vida dos habitantes da parroquia”.
Con respecto á política oficialista, dous apuntamentos: o menosprezo do líder do PP en Pontevedra Telmo Martín á participación na mobilización e a solicitude da Consellaría de Cultura ao Ministerio de Defensa para a paralización das obras. Do resto, ren. Non é doado entender como asuntos coma este, que supoñen cun claro atropelo aos veciños e a toda a cidadanía non son centro do debate e da acción daquelas formacións que se din identificar máis co País. Referímonos, claro está, aos que se din nacionalistas e diante dun ataque coma este fican máis pasivos do que cumpriría agardar…


Chúzao
del.icio.us