Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A u g a s>>>C e i v e s
xornal.dixital.independente >>>>>>> >>>> >>> >>augasceives@gmail.com

CausaGaliza

29/06/2009 GMT -1

O CONFLITO DO METAL TRASLÁDASE, A PÉ, ATÉ COMPOSTELA

augasceives @ 17:51

O conflito do metal deste ano é xa o máis importante, en canto a duración e traballadores afectados, de cantos se teñen rexistrado nos últimos anos en Galiza, así como de cantos se levan producido no Estado Español neste 2009, ano da crise. Logo de dezaoito días de folga, negociacións, loita nas rúas, enfrontamentos cos violentos e moitos paus e pelotazos no lombo, hoxe comezaron a camiñar cara a Capital de Galiza. É máis ca un simbólico peregrinar percorrendo camiños con esencias espirituais ou relixiosas, é un andar de dignidade no que máis de 2000 persoas van chegar mañá a Compostela para levar a situación ás portas da administración galega, por se aínda non se enterou de cómo van as cousas… Hoxe partiron dende Pontevedra, colapsaron o tráfico alí por onde avanzan, comeron en Caldas de Reis e durmirán en Valga, Padrón en Pontecesures. Mañá a mediodía está prevista a arribada.

 

A CIG, maioritaria no sector e que está encabezando a resistencia obreira, é a que convoca unha mobilización que apoia CCOO e á que UXT anunciou que se engadiría cando logo de percorrer os 60 quilómetros os traballadores chegaran á Capital. Até o momento, a Xunta de Galiza permanece pasiva nun conflito que afecta a 27000 traballadores do sur do País e que os empresarios comezaron a intoxicar xa con declaracións tinguidas de catastrofismo, vitimismo e chantaches. A administación galega só presentou unha proposta insuficiente para as demandas dos traballadores e á que mañá está previsto que resposten as partes (a CIG xa anunciou o rexeitamento). Unha actitude, a da Xunta, excesivamente pasiva á vista do volume de afectados.

Antolín Alcántara, unha das cabezas visíbeis da CIG neste conflito, anunciou xa que conforme sigan transcorrendo os días han avaliar as posibilidades con respecto aos tempos e decidiran se continúa a folga indefinida ou se os traballadores volven aos centros de traballo (para tratar de minimizar o impacto económico); aínda así ten anunciado que se seguirá ‘incrementando a intensidade da folga’. O metal pontevedrés recibiu hoxe mesmo o apoio dos compañeiros de Navantia Ferrol, que xunto cos traballadores doutras auxiliares se concentraron para amosar o seu apoio ás reivindicacións.

A unidade dos traballadores do sector xa ten amosado o seu potencial nas rúas de Vigo, xa ten demostrado que é capaz de paralizar a rutina diario da maior cidade do País. Hoxe mesmo deu outra mostra de forza ao colapsar o tráfico durante o percorrido até Caldas primeiro (pola mañá) e a continuación no avanzar da tarde. Mañá Compostela ha notar as consecuencias da chegada pacífica dos do metal, que farán así verlle ao resto da sociedade aínda allea que este non é un conflito local, senón que a súa loita é a máis potente mostra da situación de conflitividade que vive Galiza na actualidade.

Comentarios non permitidos para este Post

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis