O METAL RESISTE, O METAL VENCERÁ!!

Xa é o conflito máis duro de cantos lembra o sector do metal pontevedrés. Iguálase o número de xornadas en folga e deixáronse atrás (polo de agora) imaxes de caos, disturbios e violencia sementada polas forzas violentas do Estado ao servizo da patronal. Esta foi a semana da marcha a pé até Compostela, foi a semana na que o metal se botou ao camiño e axitou as conciencias da cidadanía que os veu pasar dende Pontevedra á Capital galega por Barro, Caldas de Reis, Valga, Padrón…
Foi realmente emocionante ver como a sociedade amosaba o apoio a unha loita que excede xa os
límites que o poder lle tiña establecidos. Partiron máis de dúas mil persoas, dous mil traballadores, dende Pontevedra a mañá do luns e chegaron o mediodía do martes máis do dobre a Compostela nunha marcha histórica. Presentáronse diante das oficinas da Xunta para esixir solución e unhas condicións dignas de traballo, contra o rexeitamento e o desprezo da clase política dirixente que non dubida en pórse á beira do empresariado. Tamén contra as terminais mediáticas que están a xogar un papel importante intoxicando e mentido deliberadamente para tratar de construír unha opinión desfavorábel ás demandas dos traballadores, tirando ao ar a consigna de que “esixen demasiado”, de que “non é o momento…” E por suposto, sempre presentes (á súa maneira), os violentos armados dispostos a disparar unha vez máis contra os traballadores, contra a clase traballadora e contra as súas esixencias e os seus dereitos.
Esta é a loita dos traballadores, que coa súa determinación converten o seu conflito nun exemplo de loita para os demais sectores. Fan da resistencia unha bandeira que levan canda eles, están afeitos a aguantar e vano seguir facendo. Esta forza organízase en torno á representación sindical, e a CIG é a que está a encabezar todas as accións. Mentres CCOO e UXT dubidan, a organización galega eríxese como principal responsábel de que o metal siga en loita e será merecente dos recoñecementos precisos cando se acade o obxectivo. Os sindicatos españois déixanse levar e saben que non poden desmarcarse agora, aínda que cada semana demostran reticencias e matizan os obxectivos. Pola súa banda, a pequena representación da CUT, dende a súa posición, leva meses chamando á folga xeral. As últimas novidades falan da decisión da CIG de continuar coa folga indefinida, da postura de UXT de “suspendela temporalmente” e da indefinición de CCOO que pide “unidade”.
Velaquí o vídeo preparado pola CIG no que se recolle a marcha e a chegada a Compostela. Unha acción convocada pola central nacionalista e que contou unha vez máis coas dúbidas dos dirixentes de CCOO (que a apoiaron, aínda que sen demasiada convicción ao principio) e de UXT (que deron a consigna de unirse cando a marcha chegara a Compostela, pero sen camiñar os 60 quilómetros). Unhas dúbidas, as dos dirixentes sindicais que non están presentes na masa obreira.


Chúzao
del.icio.us
