QUE ESCOLLAN COCHE QUE XA PAGAMOS NÓS
Acoso á lingua galega, indiferenza diante da extrema crise do sector lácteo, apoio á patronal no conflito do metal, apoio á grande multinacional que pretende violar a Rede Natura para instalarse en Touriñán, máis neoliberalismo, máis políticas ultraconservadoras, máis frivolidades… Así se poderían resumir a grandes trazos os tres primeiros meses de goberno do PP, aínda que ‘formalmente’ non leven aínda ese tempo exercendo. A incapacidade dun equipo escaso de intelixencia e carente de dignidade fai que a acción do goberno se centre en cortinas de fume para desviar o verdadeiro debate. Cun Presidente empeñando en erixirse como novo líder da dereita española, as terminais mediáticas afíns pensan agora en como disfrazar o trapallada da venda dos coches oficiais que eles mesmos mercaron.
Coa demagoxia inserida na bandeira, anuncian agora a venda dos ‘Audis’. A sombra manipuladora e a súa miserenta desvergoña parecen querer facernos esquecer quen mercou a maior parte dos coches que integran o insultante parque móbil da Xunta. Porque as cifras que airean e as ostentosas imaxes que utilizan son unha provocación para os traballadores e traballadoras dun país que está a padecer unha situación económica que non provocaron e que aos seus dirixentes lles é allea. Que o debate principal da campaña fóra a marca do coche oficial do Presidente da Xunta dá unha idea do nivel político dos que nos din representar. Que agora no goberno se retome este tema para presumir dunha falsa austeridade é un insulto á cidadanía.
O problema dos galegos e galegas non é se o Presidente da Xunta leva unha ou outra marca de coche, senón o custe dese coche que todos e todas temos que manter. Pouco importa se a empresa é francesa ou alemá cando a fin última é a da máxima comodidade duns individuos cuxos soldos poden mercar os luxosos vehículos. O soldo medio dunha poboación que rexistra os indicadores de nivel social e económico máis baixos de Europa está moi lonxe dos gastos ‘protocolarios’ e demais agravios dos seus gobernantes. A prepotencia e a demagoxia agóchase detrás de cada acción deste infame goberno, e tamén neste caso.


Chúzao
del.icio.us
