PREMIOS NACIONAIS DA CULTURA, OUTRA VÍTIMA MÁIS
A nova Xunta segue coa estratexia de acoso e derribo de todo canto timidamente erguera o anterior Goberno. Alén de medidas de menor repercusión, e sen referirnos por unha vez aos ataques lingüísticos, a decisión de suprimir a gratuidade dos libros de texto estaba até agora no cumio dos retrocesos. Pero non tardou o Conselleiro de Cultura en saír para optar a ese recoñecemento: decide suprimir os Premios Nacionais da Cultura. Seica, di, supoñen un gasto moi elevado para os orzamentos da Xunta…
Os galardóns, creados pola anterior Consellaría de Cultura e que se entregaron unha soa vez (o ano pasado), estaban dotados con 15.000 euros e constaban de 10 categorías. A estas alturas, a convocatoria dos premios acumulaba xa un notábel retraso de tres meses que facía presaxiar o desenlace anunciado… Algúns dos premiados o pasado ano foran Margarita Ledo Andión, Francisco Leiro, Mercedes Peón, Manuel Lourenzo, as reformas urbanas da cidade de Pontevedra, Xosé Luís Méndez Ferrín ou o Museo do Pobo Galego, entre outros.
Non é, por suposto, o motivo económico o que está detrás desta nova liquidación da infamia antigalega do Partido Popular. É o que supoñían eses galardóns, comezando polo seu propio nome, ‘nacionais’ como referencia a Galiza. Infravaloran a creación galega e en galego, propio dos máis ignorantes e acomplexados. Consideran elevado o gasto en promoción cultural, porque detestan a cultura. Mais sen inmutarse chámanlle “cultura” á máis noxenta representación pública e subvencionada do maltrato animal, as touradas. O seu concepto de “cultura” está ben lonxe do que é a creación cultura neste país, a chamada cultura de base, o traballo desinteresado e lonxe do oficialismo que diariamente se desenvolve polo país… O seu concepto de ‘cultura’ é o folclorismo rancio e que nos ata aos tópicos que limitan o potencial creativo en cada eido: música, pintura, escultura, literatura, audiovisual…
A súa cruzada non fixo máis ca comezar, e non han parar até esnaquizar todo o que poidan. Mais o seu principal obxectivo non han poder conseguilo, porque en fronte teñen á sociedade civil en pé disposta a defender ‘o seu’, custe o que custe.


Chúzao
del.icio.us
